Xuvenil Provincial | 15-16 Decembro

En Provincial, Xuvenil

A Milagrosa desarborou á Sarriana polas bandas

Cinco goles en quince minutos decantaron o partido disputado na Frigsa este sábado. A vitoria mantén aos de Couso no máis alto da táboa

Segunda vitoria consecutiva da Milagrosa, que se afianza no alto da clasificación tras un partido máis cómodo do agardado contra a Sarriana. Os da Ribela sabían dos puntos fortes do rival, pero non conseguiron neutralizalos.
O equipo de Couso desarborounos con rápidas e desequilibrantes accións polas bandas que sempre atopaban rematador.
En apenas quince minutos de máxima efectividade, do 20 ao 35 da primeira metade, os locais puxeron o marcador nun 5-0 que sacou do partido ao conxunto branco. Antes do descanso os capitalinos aínda ampliaron a renda cun gol máis.
Con todo decidido, tras o paso polos vestiarios o partido quedou sen alicientes. O ritmo decaeu e xogáronse 40 minutos demasiado longos para os de Sarria, que encaran con mal sabor de boca o parón de Nadal.
A competición retomarase o 11 e 12 de xaneiro. A Milagrosa visita a outro rival coñecido, o Becerreá, e a Sarriana recibe na Ribela ao Castro, un enfrontamento inédito esta temporada, xa que competiron en grupos distintos na primeira fase.

Todo decidido na primeira metade

O 3-1 final xa mandaba no marcador ao remate da primeira metade. Tras o descanso o San Ciprián non puido lograr o gol que o metera de cheo na loita polos puntos

O Foz aséntase na parta alta da táboa tras encadear ante o San Ciprián a segunda vitoria consecutiva. Os corenta e cinco minutos iniciais decidiron o encontro, xa que o marcador non se moveu tras o paso polos vestiarios.
Os de Iván Gayol puxeron o partido de cara aos dez minutos de iniciarse o encontro cun gol de Juan. Os locais seguiron creando perigo ás contras ante un San Ciprián que se vía superado. Así, chegou o 2-0 de Víctor Pérez. Pouco despois un gol nun córner parecía devolver aos visitantes ao partido pero, antes do intermedio, o Foz aproveitou un malentendido na área rival para facer o 3-1.
Tras o descanso, o San Ciprián quixo tomar a iniciativa e foi gañando terreo fronte a un equipo local desdebuxado. O dominio dos visitantes traduciuse en chegadas a área e ocasións para recortar distancias e meterse no encontro, pero non foron quen de materializalas.
Tras o parón de Nadal chegará unha proba de lume para as aspiracións do Foz, que se mide ao Villalbés B. O San Ciprián recibe ao Polvorín FC na Veiga.

O Villalbés encarrilou o encontro moi cedo

0-2 nos dez primeiros minutos

Primeira vitoria folgada para o Villalbés que, tras o empate da xornada inaugural coa Milagrosa e o triunfo pola mínima ante o Castro, puido finalizar un encontro sen mirar ao marcador.
O demoledor inicio, con tres córners a favor nos primeiros cinco minutos, e dous goles no marcador cando apenas se cumpriran os sete de xogo, puxo o partido moi axiña de cara para os de Iván Lamas.
Tras os dez minutos iniciais, o encontro equilibrouse pero nin un nin outro equipo conseguiron mover o marcador.
Despois do intermedio o Ribadeo deu un paso adiante, pero un penalti sobre Abel, moi activo durante todo o partido, cortaríalles as ás aos da Mariña. Ónega transformou a pena máxima no 3-0 co aplauso unánime dos seus compañeiros, que agardan que non sexa o último gol que marque para o equipo. Con todo, o peor para o Ribadeo chegaría coas expulsións de Javi Paraje e de Carlos que deixaron ao equipo en inferioridade para o treito final. Minutos de sufrimento ante un Villalbés que chegou con asiduidade e perigo, ampliando o marcador ata o 0-4.

Táboas tras un final moi aberto en Castro

O EQUIPO LOCAL adiantouse e o Sagrado Corazón igualou o partido na segunda metade para sumar o primeiro punto

Reparto de puntos entre Castro e Sagrado Corazón tras un partido igualado, con máis revolucións no treito final onde o ir e vir dunha a outra área puido decantar o resultado a favor de calquera dos dous equipos.
Os locais adiantáronse cun gol en propia meta nun saque de esquina aos vinte minutos de xogo. Co 1-0 o Castro tivo máis control do partido, evitando que os visitantes progresasen con facilidade en campo rival.
Tras o paso polos vesitarios o Sagrado Corazón entrou mellor ao campo, creandolle dificultades ao Castro para manter o tono dos últimos minutos da primeira metade. Con todo, a entrada de Borja, moi activo na banda, conseguiu devolverlle presenza en ataque aos locais, xerando dúas ocasións de man a man nas que non conseguiron definir con acerto ante Harry.
Os avisos de Sagrado Corazón remataron co 1-1 de Gundín tras unha perda do Castro e unha transición rápida do conxunto branquiazul.
Ningún dos equipos se quería conformar co empate e, no treito final, o partido rompeuse propiciando minutos de descontrol e idas e voltas. O Castro tivo as mellores ocasións nun remate de Champi, anulado por fóra de xogo, e nun disparo de Joel. Os últimos fallos deixaron peor sabor entre os locais.

Vitoria traballada do Polvorín

O BECERREÁ púxose 2-1 e tivo oportunidades para empatar o encontro antes de que os amarelos pechasen o partido co terceiro gol

Segunda vitoria para o Polvorín que, pese ao marcador final, sufriu para facerse cos tres puntos ante un Becerreá con varias baixas e Óscar debutando na portería.
Os amarelos foron superiores na primeira metade do encontro na que crearon ocasións para levar o marcador máis aló do 1-0, de Porral, co que se chegou ao descanso, aínda que tamén o Becerreá advertiu do seu perigo ao contragolpe.
Na segunda metade o partido foi máis equilibrado, aínda que o Polvorín conseguiu marcar de novo, por medio de Iago, o 2-0. O Becerreá respondeu axiña cun gol de Riomao que o meteu de novo no encontro. Pouco despois, Cris tivo a ocasión de empatar, pero o colexiado anulou o seu gol por fóra de xogo. A posibilidade frustrada do empate noqueou ao Becerrea que, ao pouco tempo, vía alonxarse ao Polvorín co 3-1, tamén de Iago.

 

También puedes leer!

Punto e final á travesía do Polvorín

o Conxo Santiago eliminou aos de Caballero tras un encontro no que os lucenses soñaron co pase tralo 1-0

Leer más...

O Álex Blanco volverá ser decisivo

Oitenta minutos separan ao Calasancio do ascenso á Liga Galega. Un partido que se disputará en Monforte e no

Leer más...

Á cuarta foi a vencida da Sarriana

A xeración adestrada por Edgar impúxose a Burela na quenda de penaltis tras catro temporadas consecutivas chegando á final

Leer más...

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu