A segunda xornada do Provincial xuvenil

En Provincial, Xuvenil

Ao Castro fíxoselle  curto o partido no Roca

Os de Brais Prados creron na posibilidade de igualar o encontro despois de que Raúl recortase distancias co 3-2, pero non tiveron premio

O Rácing Villalbés B logrou a primeira vitoria da segunda fase tras impoñerse ao Castro, que mantivo as opcións de sacar algún punto do Roca nunha segunda metada moi aberta.
O equipo de Brais Prados entrou mellor ao partido cun bo cuarto de hora inicial que se truncou co 1-0. Os locais aproveitaron unha perda no medio campo para facer dano cun balón á espalda que gañou Abel para anotar o primeiro.
A inseguridade á hora de saír co balón de campo propio seguiu penalizando ao Castro que, malia lograr axiña o empate, por medio de Raúl, viu como o encontro se poñía moi costa arriba con dous goles do Rácing nos derradeiros cinco minutos da primeira parte. Primeiro Álex Anido, de penalti, e logo Marco puxeron terra polo medio antes do descanso.
Con todo, tras o paso polos vestiarios, o Castro rearmouse e saíu a buscar o tanto que o metese no partido. Intentouno con ocasións de Borja, Raúl e Joel, pero o Villalbés B respondía tamén xerando ocasións de perigo, entre elas un balón contra o pau. O 3-2 chegaría nun golpeo directo de Raúl nunha falta lateral, cando se cumprían os oitenta minutos.
No treito final, o Castro tratou de lograr o empate e dispuxo de dúas ocasiòns de Joel, na área pequena, e Raúl, desde fóra da área, pero o marcador non se moveu.
O Rácing Villalbés B colócase no alto da clasificación cos mesmos catro puntos que a Milagrosa e o Ribadeo.

 

Primeira parte moi intensa na Ribela

Raúl e Miqueias adiantaron aos da ribela que mantiveron o control do partido ante un Becerreá ao que lle faltou ambición para buscar o empate

Tras verse na terceira xornada da liga zonal cun 1-1 no marcador final, Sarriana e Becerreá volveron medirse. Desta volta, con vitoria para os da Ribela que encarrilaron o partido con dous goles de Raúl e Miqueias antes de que os de Antón Méndez marcasen o seu gol.
Na primeira metade, os dous equipos imprimiron intensidade e velocidade o xogo, tratando de aproveitar a velocidade dos seus atacantes. O Becerreá tivo as mellores ocasións nos minutos iniciais, en dous remates de Jose tras dúas xogadas moi similares pola banda, pero adiantouse a Sarriana cun tanto de Raúl, que aproveitou un balón ao espazo para facer o 1-0 co que se chegou ao descanso.
Tras o paso polos vestiarios, o ritmo do partido baixou e víronse máis imprecisións por parte dos dous equipos. Con todo, a Sarriana ampliou o marcador por medio de Miqueias. A falta de quince minutos para o final, o Becerreá conseguiu recortar distancia nun rexeitamento dunha falta que aproveitou moi ben o cadete Iago para o 2-1. Lonxe dun final apurado, a Sarriana mantivo o control. O Becerreá, moi pouco incisivo na segunda metade, non foi capaz de xerar ocasións de gol que puxesen en perigo o triunfo local.

 

O Foz fíxose forte no campo do  Municipal

2-0  ao descanso para os de Gayol

Primeiros puntos para o Foz, que se impuxo con autoridade ao Polvorín no Martínez Otero.
Aos amarelos custoulles adaptarse ás condicións climatolóxicas, con moito vento en Foz, e competir fronte a un equipo local coas ideas moi claras e unha gran actuación de Víctor Pérez. O dianteiro provocou o penalti co que se abriu o marcador e deu as dúas asistencias de gol.
O partido púxose axiña de cara para o Foz coa pena máxima que transformou Jorge con pouco máis de dez minutos de xogo. Alexis marcou o segundo nunha acción ao contragolpe pouco despois de que o Polvorín quedase con dez xogadores por unha vermella directa.
Tras o paso polos vestiarios Sergio sentenciou co 3-0. O Polvorín mellorou na segunda metade, cun xogo máis incisivo e chegadas a zona de remate, pero sen finalizar con perigo. Tras o parón da ponte da Constitución, o Foz volverá xogar na casa, contra o San Ciprián. O Polvorín recibirá ao Becerreá.

A Milagrosa reinou tralo descanso

A disputa física impúxose ao xogo nas Gándaras nun encontro cos tres goles na segunda metade

A Milagrosa logrou a primeira vitoria do Provincial nas Gándaras nun partido de moita disputa física ante o Sagrado Corazón que se abriu no inicio da segunda parte despois dunha primeira igualada na que os locais, con ausencias no once titular, conseguiron manter o cero a cero no marcador.
O equipo local puido adiantarse nos primeiros minutos de xogo nunha acción de Muinelo á que respondeu moi ben Rober. Sería a mellor ocasión do encontro para o Sagrado Corazón que, na primeira metade, conseguiu manter o equilibrio no marcador.
O partido cambiaría nada máis comezar a segunda metade, co 0-1 de Anxo, cun disparo á madeira que acabou entrando na portería.
Tras o gol, os da Frigsa atoparon máis espazos á espalda da defensa local, que sufría con cada acción en ataque dos locais. As chegadas con perigo á área dos visitantes sucedéronse ata que, no minuto 70, Xoel abriu distancia no marcador co 0-2, que rompeu definitivamente o partido.
O Sagrado Corazón non puido facer o tanto que o metese no encontro e, nos minutos finais, Diego Ferreiro redondeou o marcador anotando o 0-3 co que rematou o partido nas Gándaras.
Tras o parón pola ponte festiva, o Sagrado Corazón visitará ao Castro, co que disputou as primeiras prazas do grupo Centro na primeira fase da liga.
Mentres, a Milagrosa recibirá na Frigsa a Sarriana, coa que tamén se mediu na liga zonal con vitoria para os de Couso.

 

Partido moi aberto na Veiga

Protagonismo para os porteiros, que se luciron baixo os paus nun partido con ocasións e fases de dominio dos dous equipos

Táboas entre San Ciprián e Ribadeo tras noventa minutos con fases de dominio alterno e ocasións nas dúas áreas.
As dúas primeiras foron para os visitantes, que saíron mellor ao campo, pero as intervencións de Elías mantiveron o marcador a cero e, co paso dos minutos, os locais foron facéndose coa pelota. Sen embargo, as súas mellores oportunidades chegaron a balón parado en dez minutos de asedio cun gol anulado por fóra de xogo.
Na segunda parte repetiuse o guión cun Ribadeo máis incisivo de inicio que, pouco a pouco, foi perdendo terreo. Así, tras un par de avisos de Ivanilson e Fly, nun córner, Diego Baltar fixo o 1-0. O resultado en contra espertou ao Ribadeo que tivo, ata o final, as mellores ocasións, cun man a man de Iván García e un remate ao pau de Román antes do 1-1 do propio Iván García tras unha boa xogada de Toni pola banda.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu