Vitorias de Residencia, Milagrosa e Ribadeo na terceira xornada do Provincial cadete

En Cadete, Cadete Autonómica, Provincial

A Residencia fai valer o factor Cheda

RESIDENCIA 2 – SARRIANA 1

A Residencia sumou tres puntos máis e xa leva sete nos tres primeiros encontros do Provincial cadete, tres partidos que os de Adrián Suárez disputaron como locais na Cheda.
Ante a Sarriana, que tan ben se lle daba xogar neste campo, tiveron que remontar o cero a un que chegou no ecuador do primeiro tempo tras un gol en propia porta logo dun rebote nun saque de esquina.
As sensacións ata o cero a un eran mellores por parte da Residencia, e estas continuaron sendo así ao levar a iniciativa no xogo en todo momento.
Antes do descanso, Conde serviu un bo balón tras unha gran xogada individual que Vilarín enviou ao fondo da portería cun gran golpeo á escuadra, lonxe do alcance de Chechu.
Xa na segunda parte a Sarriana intentou ser máis ambiciosa, pero o balón continuou sendo dunha Residencia que lle deu a volta ao marcador tras un roubo de balón de Hernández, que asistiu para que Vilarín volvese acudir á súa cita co gol.
Na recta final os capitalinos durmiron o encontro ante unha Sarriana sen capacidade de reacción para buscar o empate e que acusou a ausencia de Abella para poder crear perigo na Cheda, de onde a Residencia sae con sete dos últimos nove puntos en xogo.


 

A Milagrosa mantén o pleno de puntos e o Polvorín segue ausente 

 

EF POLVORÍN 1 – MILAGROSA 3

A Milagrosa impúxose en Montirón e mantén o pleno de puntos nas tres xornadas disputadas no Provincial cadete. Os de Madriles puxéronse o mono de traballo para saír airosos dun encontro máis trabado que vistoso ao longo dos oitenta minutos de xogo.
O cero a un fíxose de rogar, pero chegou pasada a media hora inicial ao acudir unha vez máis Marco á súa cita co gol. Xa na segunda parte a solvencia defensiva da Mila fixo que o Polvorín non puidese reaccionar e, por medio de Xoel, ampliou a diferenza, mentres que Iago Buján puxo terra polo medio co cero a tres.
Na recta final, Iago Vázquez maquillou o marcador final co definitivo un a tres.

 


 

Ribadeo chega con boas sensacións á Frigsa tras impoñerse ao Xove

 

SD RIBADEO 5 – XOVE LAGO 2

O Ribadeo encheu o depósito de moral de cara á próxima xornada, na que visitan o campo do líder, a Milagrosa, tras impoñerse con autoridade ao Xove Lago nun encontro que os de Coto dominaron ao longo dos oitenta minutos.
Samuel e del Viso levaron o marcador ata o dous a cero na primeira parte e tralo descanso, o Ribadeo rompeu por completo o encontro da man de del Viso, que neste partido fixo un doblete antes de que a relaxación nos minutos finais do Ribadeo propiciase que o Xove Lago maquillase o resultado final con dous goles.

También puedes leer!

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu