Vitorias de Milagrosa, Castro e Residencia e empate entre Sarriana e Polvorín

En Cadete, Cadete Autonómica, Provincial

A Milagrosa tirou de pegada

 

MILAGROSA 3 – RIBADEO 1

A pegada da Milagrosa nos metros finais deulle aos de Madriles os tres puntos ante unha moi boa versión do Ribadeo en Frigsa, que sobre todo na primeira parte, foi mellor.
Os de Coto estiveron máis metidos no encontro desde o inicio e froito diso fixeron o cero a un. Un gol que subiu ao marcador Casanova ao transformar un penalti cometido sobre Samuel.
A Milagrosa apenas tivo capacidade de reacción, pero a pegada saíu ao rescate dos capitalinos ao devolver as táboas ao marcador Buján tras culminar unha contra á media hora de xogo. O Ribadeo volveu xerar perigo en accións a balón parado, pero ao descanso chegouse con empate a un.
Tralo paso polos vestiarios a Milagrosa enderezou o rumbo, deu un paso á fronte e Neira aproveitou un roubo de balón en campo rival para facer o dous a un.
O partido continuou aberto, pero o Ribadeo empezou a acusar o esforzo realizado, sobre todo na recta final, na que trala lesión de Adrián e con todos os cambios realizados, terminaron con dez xogadores sobre o campo ante unha Milagrosa que volveu tirar de pegada e sentenciou o partido co tres a un, de novo por medio de Neira.

 


 

O Castro recibirá á Milagrosa coas espadas en todo o alto

 

XOVE LAGO 1 – CASTRO 2

O Castro levouse os tres puntos de Xove e mantense invicto neste Provincial cadete, no que xa pasou de revelación a alternativa, tendo os chairegos a súa gran proba de lume a próxima xornada ante a Milagrosa.
Para chegar con estas opcións ao duelo ante o líder, os de Raúl Morán impuxéronse en Xove, nun encontro cunha parte para cada equipo. Na primeira o Castro foi mellor e chegouse ao descanso con cero a un tralo gol de Pollán.
Xa na segunda parte o Xove foi mellor e empatou de penalti, pero acto seguido, e de novo de penalti, o Castro volveu tomar o mando e aguantou a vantaxe ata o asubío final.

 


 

O Sagrado Corazón discutiulle os tres puntos á invicta Residencia

 

SAGRADO 1 – RESIDENCIA 4
O Sagrado Corazón obrigou á Residencia a ofrecer a súa mellor versión para saír airosos das Gándaras, onde os de Dani Díaz disputaron a mellor primeira parte da tempada.
Adri e Jony dispuxeron das primeiras ocasións para inaugurar o marcador, pero a pegada correu a cargo dos da Cheda, co cero a un que asinou Hernández ao filo do descanso.
Na segunda parte Aarón serviu un bo balón que rematou Adri para facer o un a un, con media hora por diante, tempo no que a Residencia se puxo seria e desnivelou o marcador cun gol de Conde e dous de Martín Bena.

 


 

Sarriana e Polvorín curan as penas cun reparto de puntos na Ribela

 

SARRIANA 1 – POLVORÍN 1

Sarriana e Polvorín, dous equipos dos que se esperaba máis neste Provincial, empataron a un na Ribela nun encontro no que os locais empezaron mellor, pero co paso dos minutos os capitalinos foron gañando protagonismo, sobre todo tralo un a cero á media hora por medio de Hamza, que aproveitou un rexeite logo dun disparo de Fabián.
Tralo descanso, os cambios déronlle un plus ao Polvorín, que asinou o empate cun lanzamento de falta directa de Rubén Lombao, e no tramo final dispuxo das ocasións máis claras para poder levarse os tres puntos da Ribela.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu