Vitorias a domicilio de Ribadeo e Residencia B, e locais de Milagrosa, Villalbés B e Burela

En Cadete, Cadete Autonómica, Grupo Norte Cadete Autonómica

A Mila confirma a súa solidez

 

MILAGROSA 6 – FOZ 3

A Milagrosa segue con paso firme e lidera en solitario a táboa tras a derrota do Lourenzá. Os de Madriles puxeron a proba o seu xogo ante un dos equipos máis perigosos nas accións á contra, o Foz, con Víctor como punta de lanza.
A efectividade nesas accións serviulle ao equipo mariñao para manter o equilibrio no marcador ata o inicio da segunda parte, cando conseguiron igualar o 3-2 co que se chegara ao descanso.
A partir dese momento, o dominio local comezou a reflectirse no marcador. Dous goles de Neira, con apenas tres minutos de diferenza entre eles, romperon o encontro. O fondo de armario dos milagrosistas, con xogadores que seguiron asociándose moi ben ante un Foz cada vez máis mermado polo esforzo feito, deixaron aos visitantes sen opcións. Os últimos vinte minutos foron de dominio absoluto por parte dos de Madriles, que se manteñen invictos con cinco xornadas disputadas.

 


 

A eficacia nas accións á contra deulle os tres puntos ao Ribadeo

 

LOURENZÁ 0 – RIBADEO 7

Con catro vitorias para Lourenzá e tres para o Ribadeo, nada facía pensar nun resultado tan amplo na saída ao campo dos dous equipos. No entanto, un gol de Iván García aos catro minutos puxo o partido moi de cara para un Ribadeo que se sente moi cómodo xogando á contra. Os laurentinos deron un paso adiante que os  visitantes aproveitaron para  facerlles dano á espalda e  marcar o 0-2 antes do descanso. Na segunda metade o Ribadeo, máis intenso que os laurentinos, seguiu aproveitando os espazos que deixaba o equipo local, volcado ao ataque, e ampliou a diferenza ata o avultado marcador final.

 


 

Vitoria visitante tras o 1-0 inicial

 

SAN CIPRIÁN 1 – RESIDENCIA B 5

O San Ciprián adiantouse tras unha boa xogada de Hugo e Daniel Gonçalves, pero a Residencia B deulle  a volta ao marcador antes do descanso, con tantos de Samuel, a centro de Tomás, e do propio Tomás. O 1-3 ao pouco de iniciarse a segunda parte, e a expulsión de Ulmo por un agarrón ao último xogador nun ataque visitante rompeu definitivamente o encontro, o terceiro triunfo dos branquiazuis.

 


 

Primeiro triunfo para o Villalbés B

 

VILLALBÉS B 2 – POLVORÍN B 0

O Polvorín tivo a iniciativa co balón, embotellando por momentos a un Villalbés que saíu indemne das fases de máis acoso e tivo o acerto necesario para convertir en goles os seus achegamentos á área rival. Josito marcou o 1-0 de penalti no minuto dez do encontro e, pese ao bo xogo amarelo, o marcador mantívose así ata o último minuto do tempo regulamentario, cando Raúl fixo o 2-0 nunha xogada persoal.

 


 

O Porto de Burela mantén a súa liña ascendente tras gañar ao Viveiro

 

BURELA 10 – VIVEIRO B 3

O Porto de Burela, en liña ascendente, conseguiu enlazar por primeira vez esta temporada dúas vitorias consecutivas despois doutras dúas xornadas de empates. Os locais fixeron valer a súa superioridade física tras un inicio de partido igualado no que Huguito fixo o 2-1 culminando unha xogada trenzada dende atrás dos celestes. No entanto, co paso dos minutos a fortaleza e velocidade nos balóns longos e nas xogadas á contra volveron ampliar a fenda no marcador ata o 5-2 co que se chegou ao descanso.
Na segunda metade o guión mantívose e os locais conseguiron ampliar a renda antes de que Cánovas marcase o último tanto do Viveiro B.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu