Todo segue igual na parte alta da táboa no Grupo Norte xuvenil

En Grupo Norte, Xuvenil, Xuvenil Autonómica

O peor, a lesión de Alberto

 

FERROVIARIA 5 – COSPEITO 0
A Ferroviaria quedouse cos tres puntos en xogo en Frigsa tras impoñerse a un Cospeito que deixou mellores sensacións do que indica o cinco a cero final.
O partido empezou cunha mala noticia para os visitantes, xa que o porteiro Alberto tívose que retirar tras un golpe na man.
Pouco despois a Ferroviaria empezou a demostrar que, especialmente nas áreas, era moito máis contundente que o Cospeito.
Aitor fixo o cero a un no ecuador da primeira parte e Mateo, cun lanzamento de falta directa, subiu o dous a cero antes de chegar ao descanso.
Xa na segunda parte o partido rompeuse por completo aos cinco minutos ao transformar Mateo un lanzamento de penalti que supuxo o tres a cero.
Christian, o mellor xogador do partido, uniuse á festa co catro a cero, mentres que Toño foi o encargado de pechar o marcador co definitivo cinco a cero en pleno dominio dos capitalinos nos minutos finais do encontro.

 


 

A Residencia gaña e adícallo a Mario

 

OUTEIRO 1 – RESIDENCIA B 4

A Residencia B brindoulle ao seu compañeiro Mario os tres puntos conseguidos ante o Outeiro e desexoulle unha pronta recuperación.
Na primeira parte as forzas estiveron igualadas e ao descanso chegouse co cero a cero inicial. Xa na segunda parte Míchel fixo o cero a un de falta, pero David devolveu as táboas. Pouco despois o Outeiro quedouse con dez e a Residencia B puxo rumbo fixo cara os tres puntos.

 


 

O Lourenzá aséntase no podio da  Liga tras volver á senda da vitoria 

 

LOURENZÁ 4 – VIVEIRO B 2

O Lourenzá aséntase no terceiro posto tras volver á senda da vitoria ante o Viverio B en Santa Cruz, onde os locais foron superiores ao longo do encontro.
Manuel Santamarina inaugurou o marcador ao cuarto de hora e ao bordo do descanso, Luís fixo o dous a cero ao transformar un penalti.
Xa na segunda parte, pese a que o Viveiro B deu un paso á fronte en busca dun gol que lles metese no partido, sería Javi o que puxo máis terra polo medio e o pichichi Luís sentenciou o encontro co catro a cero. Na recta final o Viveiro B maquillou o marcador con dous goles.

 


 

Unha parte para cada equipo no derbi mariñao

 

BURELA 1 – RIBADEO 1

Todo segue igual na cima da táboa tras o agardado choque entre Burela e Ribadeo, os dous únicos equipos invictos da categoría. O empate mantén ao Ribadeo como líder, a tres puntos do Burela, que ten un partido menos.
O encontro tivo dúas partes distintas. Na primeira, o dominio e as ocasións foron para os locais, que conseguiron adiantarse cun gol de Vila nun lanzamento de falta despois de que Borja e Jorge, nun man a man, finalizaran outras accións sen éxito. Na segunda o Ribadeo levou o encontro ao seu terreo, empatou cun gol de Adrián e puido facer o da vitoria nos minutos finais.

 


 

Primeira vitoria a domicilio da Ponte

 

CASTRO 2 – PONTENOVA 3

Primeira vitoria a domicilio da Pontenova que protagonizou unha gran primeira metade, superando ao Castro en todos os aspectos do xogo, para chegar ao descanso cun contundente 3-0 no marcador. Na segunda metade, os locais intentaron refacerse e conseguiron recortar distancias pero a Pontenova, menos cómoda nun terreo de xogo máis esvaradizo, mantivo os tres puntos sen pasar apuros.

 


 

O Foz métese no corte do Provincial

 

XOVE LAGO 2 – FOZ 3

O Foz fíxose un sitio nas prazas que clasifican para o Provincial por primeira vez na temporada grazas á vitoria do Lourenzá ante o Viveiro e aos tres puntos que sumaron ante o Xove.  Os de Burunda gañaron malia ir a remolque no marcador ante un equipo local que combinou ben para crear ocasións adiantándose por dúas veces, pero que fixo demasiadas concesións na área propia.

También puedes leer!

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu