Sexto empate nos últimos sete partidos para o Lugo B

En Liga Nacional, Xuvenil, Xuvenil superiores

BRUNO RODRÍGUEZ – CD Lugo B

“Moitas ocasións, goles e por momentos bo fútbol. Pódese dicir que o empate final é  un resultado xusto”

RÁCING FERROL 3 – CD LUGO B 3

O empate e o Lugo B seguen indo da man na Liga Nacional tras facelo en seis dos últimos sete encontros disputados na categoría de prata do fútbol xuvenil.
Como a pasada semana ante o Victoria na Fonte, o encontro desta xornada ante o Rácing de Ferrol foi vistoso, aberto e con moita emoción e igualdade, ata no marcador final.
O Lugo B tivo que remar sempre contracorrente ao ir por detrás no marcador, pero as ocasións sucedéronse en ambas áreas desde os primeiros minutos. Aos vinte de xogo os locais fixeron o un a cero tras un saque de esquina, pero tan só dous minutos despois Cristian devolveu as táboas ao electrónico, tamén cun remate tras un córner.
Antes do descanso o Rácing de Ferrol volveu tomar a iniciativa nunha acción que resume á perfección o encontro, xa que tras unha ocasión de Dani Arias, os ferroláns montaron unha contra que terminou supoñendo o dous a un co que se chegou ao descanso.
Aos catro minutos do segundo tempo Álex fixo o empate a dous logo dunha gran xogada individual, pero o Ferrol volveu tomar o mando no marcador cun remate de cabeza, ata que á hora de xogo David Guitián asinou o tres a tres cun gran remate. Con media hora por diante as ocasións sucedéronse e ambos equipos tiveron oportunidades para gañar, pero o marcador xa non se moveu nun espectacular encontro.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu