Ribadeo, Porto de Burela, Lourenzá e Foz ocupan as primeiras prazas

En Grupo Norte, Principal, Xuvenil, Xuvenil Autonómica

A efectividade foi do Polvorín

POLVORÍN B 2 – XOVE 0

Bo partido o disputado en Montirón entre o Polvorín B e o Xove Lago, no que os capitalinos puxeron a pegada e os mariñaos, durante gran parte do mesmo, o fútbol.
O Xove foi crecendo co paso dos minutos, xa que ao comezo do encontro tiña a posesión pero moi lonxe da área rival, Pouco a pouco os medios foron atopando aos puntas, pero cando máis preto parecía o cero a un o Polvorín entrou sen chamar á porta para facer o un a cero á saída dun córner. Un gol que asinou Dario á media hora de partido.
Antes do descanso o Xove puido empatar cun potente disparo de David Lado que se estrelou no poste da portería defendida por Harry.
Co un a cero chegouse ao descanso e na segunda parte o Xove volveu coquetear co empate, pero de novo, cando máis preto parecía, o Polvorín B puxo terra polo medio ao transformar Fonsi un penalti.
A partir de aí os amarelos fixeron un fútbol control ante un Xove incapaz de bater a Harry.


O Foz asalta o cuarto posto co que volvería a xogar o campionato Provincial

FOZ 4 – OUTEIRO 0

O Foz asaltou o cuarto posto da clasificación tras impoñerse ao Outeiro, polo que os de Burunda volverían disputar o Provincial xuvenil de terminar nesta posición.
O encontro quedou sentenciado pola vía rápida, con tres goles de Foz nunha primeira parte de total dominio local.
Tralo descanso o conxunto albivermello deixouse ir un pouco e iso aproveitouno o Outeiro para disputar os seus mellores minutos do partido, pero non puideron recortar distancias no marcador.
Pola súa banda o Foz, pese a xogar unha segunda parte moi discreta, conseguiu pechar o marcador en catro a cero tralo último tanto que asinou Xavi ao culminar unha contra.


Raúl guia ao Castro con dous goles

RESIDENCIA 1 – CASTRO 2

O Castro levouse da Cheda os tres puntos nun partido dominado polos chairegos durante a primeira hora de xogo, na que Raúl asinou un gol en cada tempo. A partir de aí a Residencia B espertou e recortou distancias por medio de Xabi. Co un a dous no marcador os capitalinos fóronse con descaro a polo empate, pero o Castro resistiu e saíu con todo o botín en xogo.


O Ribadeo, a un paso da Promoción

RIBADEO 6 – FERROVIARIA 0

O Ribadeo deu un paso máis no seu obxectivo de asegurar unha praza no Provincial tras vencer á Ferroviaria no Pepe Barrera. Jorge abriu o marcador no minuto 10 e, a partir dese momento, os locais xogaron un partido cómodo. A catro xornadas para o final da primeira volta os de Salva teñen un colchón de 10 e 11 puntos sobre o quinto e sexto clasificado, Residencia e Viveiro.


O Lourenzá deixou dous puntos na Mina

PONTENOVA 1 – LOURENZÁ 1

Segue a boa xeira da Pontenova, que sumou nas cinco últimas xornadas, Na pasada os de Andrés Bouza empataron ante un dos máis firmes candidatos á Promoción, un Lourenza que perdoou moito, especialmente na segunda metade, en vinte minutos de asedio dos que os locais lograron saír airosos.


O Burela mantense na loita polo título

VIVEIRO 0 – BURELA 1

O Burela logrou en Viveiro unha vitoria que lle serve para manter o pulso pola Liga co Ribadeo e asegurar un colchón de sete puntos coa Residencia, á que aínda ten que enfrontarse. Este é o valor do gol co que Borja, nunha contra iniciada por Rubén na portería, decantou un partido moi  disputado, con poucas ocasións, pero suficientemente claras como para mover o marcador tanto nunha como noutra dirección.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu