Ribadeo e Sagrado reafirman as candidaturas ao Provincial

En Provincial, Xuvenil

Polvorín FC e Milagrosa certificaron as súas clasificacións matematicamente.  O sprint final polas primeiras prazas será máis competido no Centro

O Polvorín FC e a Milagrosa convertéronse nos primeiros equipos en asegurar matematicamente a súa presenza no Provincial, algo que ninguén discutía tralo amosado ao longo da liga. Da mesma maneira que se presume segura a clasificación do Villalbés B tras a sufrida vitoria desta fin de semana en Viveiro.
Daquí ao final, o reto para os tres líderes é o campionato zonal. Mentres, outros equipos seguen no arame, especialmente no grupo Centro, onde os resultados desta xornada apertaron ao máximo a metade alta da táboa. O Sagrado Corazón reivindicouse fronte ao Castro logrando tres puntos imprescindibles para seguir na loita polos postos de arriba. Os branquiazuis propuxeron unha formulación defensiva que contivo aos chairegos, evitando que acertaran no último pase, e rendabilizaron as súas ocasións cun gol en cada tempo. Os de Fran Fernández son cuartos tras salvar a primeira bola de partido, por diante teñen outros dous duelos directos contra San Roque, preparado para deixar o resto no sprint final da liga tras vencer á Ferroviaria, e contra o Cospeito, que co punto acadado ante a Residencia B cun gol in extremis de Chao mantén a terceira praza.

Asalto ao podio
Outro duelo directo polas prazas de Provincial protagonizárono no grupo Norte Ribadeo e Foz. Os ribadenses saíron mellor ao campo e adiantáronse con goles de Jorge e Casanova, pero o Foz meteunos atrás co 2-1 e puido empatar o encontro nun lanzamento de penalti que se estrelou contra a madeira. O sufrido triunfo deixa aos de Salva terceiros e relega aos de Foz, cuartos. A xornada deixa ademais o empate de Xove e Lourenzá, un punto máis xeneroso para o Xove, e a primeira vitoria do Burela.

Dous aspirantes A clasificación matemática da Milagrosa e a virtual do Becerreá deixa a disputa pola terceira praza a Sarriana e Quiroga, que perderon os seus duelos da xornada. Os de Alberto Pérez parten cun punto de vantaxe para o sprint final.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu