Ribadeo é o novo líder no Provincial Cadete

En Cadete, Cadete Autonómica, Principal, Provincial

A Residencia gaña o derbi e apurará as súas opcións

RESIDENCIA 1 – EF POLVORÍN 0

Xiro de guión do Provincial cadete na Cheda. A Residencia impúxose cun solitario gol de Christian na segunda parte e apartou do primeiro posto ao Polvorín para darllo ao Ribadeo, que polo average a favor cos da Cheda álzase ao primeiro posto a falta de dúas xornadas para o final.
As ausencias por sanción de Cancio e Lombardía tralo partido da pasada xornada no Pepe Barrera obrigaron a Adrián Vázquez a cambiar o debuxo, influíndo tamén a presenza de Dhomi na punta de ataque.
Con tres centrais, a Residencia tivo ademais moita claridade para sacar o balón xogado e romper a primeira liña de presión do Polvorín, polo que os locais atoparon con facilidade a Miguel Penín na media punta.
Ao descanso chegouse co cero a cero inicial e coa sensación de que o que marcase primeiro tería moito gañado.
O Polvorín cometeu erros puntuais, con faltas innecesarias próximas á área e a Residencia aproveitouno. Yoel poñía o balón no sitio adecuado e Christian e Brais Gómez levaban o perigo. Nunha destas accións, o centrocampista puxo o balón no segundo pau e Christian rematou ao fondo das mallas.
A partir de aí, o Polvorín arriscou poñendo máis xogadores ofensivos no campo pero a solidez defensiva da Residencia apenas concedeu chegadas con perigo.
Agora a falta de dúas xornadas, a Residencia necesita sumar os seis puntos e que o Ribadeo perda algún ante o Foz na casa ou na última saída a Monterroso.

 

Partido baixo mínimos na Ribela

SARRIANA 3 – BURELA 0

A Sarriana quedouse cos tres puntos en xogo na Ribela nun partido marcado polas ausencias, xa que ambos conxuntos tan só contaron con doce xogadores dispoñibles.
A Sarriana abriu o marcador dun tiro desde a frontal de Marcos e, antes do descanso, Ayan ampliou a renda ao transformar un penalti, riguroso os visitantes.
Na segunda metade, o Burela dispuxo de tres man a man para meterse no encontro pero non o fixo e Hamza sentenciou co terceiro.

 

A pegada e Álvaro guiaron ao Foz

FOZ 3 – MONTERROSO 0

O Foz quedouse cos tres puntos en xogo no Municipal ante o Monterroso nun partido moi disputado e vistoso para os que se achegaron a presencialo.
Na primeira parte, Álvaro, porteiro do Foz, foi o principal culpable de que ao descanso chegásese co cero a cero inicial, xa que cunha boa intervención evitou que o Monterroso se adiantase no marcador.
No descanso Burunda moveu ficha e cun cambio de posicións e a entrada de Lucas ao terreo de xogo, o Foz tivo máis presenza no partido, especialmente na parcela ofensiva ao inaugurar o marcador Jose. Acto seguido Gabi puido empatar pero Álvaro volveuse a lucir cun paradón ante o punta visitante. O infortunio cebouse co Monterroso co dous a cero en propia porta tras un balón parado e, tras unha nova intervención de Álvaro, Manu Abuín foi o encargado de subir o definitivo e avultado tres a cero ao marcador ao culminar unha contra cando o Monterroso xa acumulaba moitos xogadores por diante de balón nun intento á desesperada por recortar distancias.
O próximo fin de semana non hai competición polo que o Provincial cadete retomarase dentro de vinte días.

 

Pole position do Ribadeo tras unha gran remontada

SAGRADO 2 – RIBADEO 3

O Ribadeo é o novo líder do Provincial cadete polo que, a falta de dúas xornadas, os de Suso Coto son o único equipo que depende de si mesmo para alzarse co título.
O Ribadeo xogaba dous partidos onte pola mañá. O primeiro nas Gándaras ante o Sagrado Corazón e o outro na Cheda onde necesitaba que o Polvorín non gañase para alzarse ao primeiro posto.
O segundo cumpriuse coa vitoria pola mínima da Residencia, mentres que o que a priori parecía máis sinxelo, a súa vitoria nas Gándaras, complicouse tralo momentáneo dous a cero co que se adiantou o Sagrado Corazón.
Ante a ausencia de Iñaki, Suso Coto tirou do infantil Aarón que se puxo baixo paus e tivo unha destacada actuación nun partido que empezou con moita igualdade, co Sagrado repregado pero xenerando perigo á contra e en accións a balón parado. Nunha delas Eder inaugurou o marcador e pouco despois chegou o segundo cunha contra que finalizou Jose.
O Ribadeo estaba contra as cordas nas Gándaras, cunha hora de partido por diante e con dous a cero no marcador. Os mariñaos apelaron á calma e, antes do descanso, con dous goles, levaron o empate ao marcador.
O dous a un foi obra de Guedes tras unha boa acción e o empate a dous de Diego ao aproveitar un rexeitamento na área local tras un saque de esquina.
Xa na segunda parte ao Sagrado Corazón fíxoselle longo o encontro pero os de Brais Rozados mantiñan o empate co paso dos minutos. Os cambios déronlle un plus ao Ribadeo, Especialmente Iván Moreda, que estrelou un balón no larguiero antes de fabricar a xogada que supuxo o dous a tres que asinou Carlos a nove minutos para o final. Un gol que vale un liderado a falta de dúas xornadas nas que o Ribadeo, se lle gaña ao Foz na casa e ao Monterroso en Cerdeiriños, será o novo campión provincial cadete.

También puedes leer!

O Calasancio disparouse a súa última bala no pé

A derrota ante o Alondras deixa aos de Manu Rodríguez ao borde do descenso

Leer más...

Burela, Viveiro e Villalbés a un paso da loita polo ascenso infantil

O Rácing Villabés segue dependendo de si mesmo SAGRADO 0 – RC VILLALBÉS 5 O triunfo fronte ao Sagrado

Leer más...

O Lugo gaña en Nigrán e volve soñar cun posto no play off

A falta de dúas xornadas os albivermellos teñen opcións de estar entre os catro primeiros. Necesitan unha derrota do

Leer más...

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu