Residencia e Sarriana mantéñense á fronte da táboa no Grupo Sur cadete

En Cadete, Cadete Autonómica, Grupo Norte Cadete Autonómica

 

Dani culminou a remontada

 

BECERREÁ 2 – FERROVIARIA 3

Segunda vitoria da Ferroviaria que levou os tres puntos do Municipal nunha das últimas accións do partido, nun libre indirecto na área que Dani converteu no 2-3 definitivo. O encontro chegou ao treito final con táboas no marcador, pero cunha Ferroviaria que foi medrando durante un partido que se lle complicou no inicio.
As primeiras chegadas con perigo foron dos visitantes, pero Pardo deulle seguridade ao Becerreá, que aos vintecinco minutos de encontro gañaba por 2-0 tras os tantos de Borja e Álex, que rematou no segundo pau un balón peiteado por Hugo.
Antes do descanso a Ferroviaria puxo a primeira pedra para a remontada cun gol de Yago, que resolveu cunha vaselina unha acción á contra. Tras o paso polos vestiarios os visitantes saíron decididos a levantar o encontro e, aínda que o Becerreá amagou co terceiro en accións á contra, eran os de Carlos os que parecían máis cómodos sobre o terreo de xogo. Así, nunha falta frontal sacada por Denís que cabezeaba Pajón á rede, a Ferroviaria conseguiu igualar o encontro cando quedaba máis de media hora por diante por disputarse.
No treito final a Ferroviaria creu na posibilidade de culminar a remontada e, nunha das últimas accións do encontro, Dani logrou o gol do triunfo.

 


 

O campión segue sen dar trégua

 

MONTERROSO 1 – RESIDENCIA 12

A Residencia volveu mostrarse coma un equipo intratable neste inicio de Liga, en que superou con resultados amplos todos os seus encontros. Os branquiazuis exhibiron nos Cerdeiriños o seu potencial ofensivo. O empate momentáneo do Monterroso tras o gol inicial de Hernández non cambiou o guión ao que apuntaba o partido, de cor visitante.


 

Pacior anotou o gol do Antas 

 

AT. ABUÍN 9 – ANTAS 1

Primeira vitoria da tempada para un Atlético Abuín que aínda non coñece a derrota esta tempada tras disputar dous encontros sumando un empate e unha vitoria.
Malia a superioridade física dos capitalinos o Antas mantivo o cero a cero inicial ata máis aló do ecuador da primeira parte cando Manoel fixo o un a cero. Á media hora Alberto ampliouno e de novo Manoel sería o encargado de levalo ata o tres a cero co que finalizou a primeira parte.
Na segunda, co paso dos minutos o Abuín foi ampliando a renda, mentres que Pacior foi o autor do único gol do Antas.
Na próxima xornada o Abuín medirase co Palas e o Antas recibirá ao Polvorín B en busca dos seus primeiros puntos.


 

A Sarriana chegou máis fresca ó final

 

SARRIANA 4 – PALAS 0

A Sarriana logrou a súa terceira vitoria ante un Palas que, na segunda parte, acusou un notable baixón físico. Foi daquela cando os locais, que xa se adiantaran na primeira metade cun gol de Diego nun disparo desde fóra da área, puideron certificar o triunfo con tres tantos máis. Édgar segue sen encaixar ningún gol no que vai de Liga.

 


 

O Polvorín volve do descanso moi enchufado

 

POLVORÍN 10 – RIBELA 1

Segunda vitoria do Polvorín que volveu xogar en Montirón tras a xornada de descanso. Os quince días sen competición non humedeceron a pólvora dos amarelos que se impuxeron con comodidade ao Ribela. Cada acción a balón parado ou centro lateral eran un perigo para a portería visitante pola superioridade física dos amarelos, que dominaron o encontro combinando ben por dentro para sacar despois o balón ás bandas. Os locais abriron a lata aos dez minutos, despois dun ha boa posta en escena do Ribela. Co avance do partido a superioridade do Polvorín foise trasladando ao marcador con catro tantos máis antes do descanso, ao que se chegou con 5-1. Na segunda metade, os de Caballero seguiron incrementando a súa renda ata o resultado final.
A vindeira xornada o Polvorín visitará o Castro Seoane para medirse ao Antas, mentres que o Ribela recibirá na casa ao Sagrado Corazón.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu