Residencia e Burela xuvenil seguen sen fallar

En Principal, Provincial, Xuvenil, Xuvenil Autonómica

A Resi, no seu mellor momento

 

RESIDENCIA 5 – RIBADEO 2

Nova vitoria dos branquiazuis, esta vez no duelo de campións zonais, xa que o Ribadeo rematou a primeira fase compartindo o título co Porto Burela. Os de Dani Galán, con tres triunfos noutros tantos encontros, lideran a clasificación empatados a puntos cos da Marosa.
No encontro do pasado sábado a Resi sentenciou xa na primeira metade, desplegando o seu mellor xogo do que vai de tempada para chegar ao descanso con 4-0 grazas aos goles de Lucas e un novo hat trick de Veloso.
Tralo paso polos vestiarios o ritmo de partido baixou e, a falta de dez minutos para o asubío final, Cumbraos facía o 5-0 antes de que Adrián Barrera maquillara o marcador con dous goles que deixaban o resultado no definitivo 5-2 e que o colocan con 27, só por detrás dos 29 de Veloso.
A vindeira fin de semana as Ligas Provinciais descansan. polo que Resi e Ribadeo terán máis tempo para preparan os seus próximos compromisos, ante Sagrado e Palas respectivamente.

 


 

O balón parado e unha dose de fortuna deixan os tres puntos en Castro

 

CASTRO 2 – SAGRADO C. 1

O Castro encadea dúas vitorias consecutivas trala conseguida o pasado sábado no Municipal ante un Sagrado que, polo visto no campo, mereceu máis. Os visitantes controlaron o partido dende o inicio o gozaron de ocasións para adiantarse antes do descanso, pero sería Pete para os locais, o que abrira o marcador ao rematar no segundo pau un saque de esquina.
Tralo intermedio o Sagrado tivo a recompensa ao seu esforzo co empate de Nacho, pero a catro do final, un gol en propia porta tras outro córner condeaba aos branquiazuis, que no desconto fallaron unha triple ocasión para sacar, polo menos, un punto.

 


 

Andrés e Manu sentencian na segunda parte a un Lourenzá moi serio

 

LOURENZÁ 0 – BURELA 2

O Porto Burela soubo ter paciencia en Santa Cruz para facerse cos tres puntos na segunda metade dun partido que, de inicio, estivo condicionado polo estado do terreo de xogo, co paso dos minutos case impracticable. O Lourenzá púxolle as cousas difíciles aos burelaos, que se adiantaban ao pouco de iniciarse a segunda parte por medio de Andrés.
Con media hora por diante os laurentinos quedáronse con dez e, pese a facer o Burela o 0-2, seguiron no encontro e incluso puideron recortar distancias cun lanzamento de falta que se foi ao pau. Pero a defensa dos visitantes e o estado do campo fixeron que o marcador xa non se movera para un novo triunfo dos de Oke.

 


 

Primeira vitoria e primeiros puntos do Palas ante a Milagrosa no Provincial 

 

PALAS 4 – MILAGROSA 0

Tralas derrotas das dúas primeiras xornadas ante os invictos Burela e Residencia, o Palas sumou os seus primeiros puntos na segunda fase cunha contundente vitoria ante a Milagrosa nos Chacotes.
De inicio os dous equipos foron precavidos e fixéronse fortes en defensa, buscando un erro do contrario para facer o primeiro gol. Así, Óscar adiantaba aos locais mediada a primeira parte.
Tralo descanso a Mila foise a polo empate e tivo un par de acercamentos antes de que Iván Navia deixara o partido visto para sentenza co seu primeiro gol na competición. A partir de aí os albivermellos baixaron os brazos para que Xesús, e de novo Navia, redondearan o resultado.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu