Punto de mérito do Lugo ante o Spórting

En División de Honra, Principal grande, Xuvenil superiores

Os de Álex Antón incluso tiveron na man o triunfo, xa que o cadro asturiano empatou no último minuto de partido

Punto de moito mérito o conseguido polo Lugo ante o Spórting de Gijón na Reigosa, onde os lucenses espertaron do soño da vitoria no último instante, ao asinar o empate a un definitivo o conxunto asturiano no derradeiro minuto de partido.
Ata entón o Lugo deu un recital de unión e entrega física. Apelando á orde e ao esforzo para mirarlle aos ollos a todo un Spórting de Gijón.
Nada máis empezar o encontro os de Álex Antón demostraron que ían en serio ao dispoñer Christian dun man a man no que non puido bater ao porteiro visitante. Aos poucos o Spórting foi gañando terreo a partir da posesión pero Brais, cunha espectacular intervención e o rigor defensivo do Lugo evitaron que se rompese o cero a cero inicial antes do descanso nos mellores minutos do encontro por parte visitante.
Nos vestiarios o Lugo recuperou forzas e volveu poñer en apuros ao Spórting. David Guitian saía dos duelos airoso e Christian era un pesadelo para a defensa asturiana en cada balón longo.
Coas formulacións claras e definidas, o Lugo empezouse a sentir cada vez máis cómodo en repregamento e saíndo á contra, ao mesmo tempo que ao Spórting lle entraban as dúbidas. Estas confirmáronse cunha clara ocasión de David Guitián, que se atopou cunha gran parada do porteiro asturiano tras plantarse só dentro da área logo dun bo pase de Álex Ramos.
Dani Vidal deulle consistencia ao Lugo ao situalo Álex Antón por diante da defensa. Gañou os balóns aéreos e deu fluidez ao xogo pero o Lugo necesitaba pouco para crear perigo e a proba foi a acción do un a cero.
Christian disputou cos dous centrais asturianos un balón longo e gañoulles a partida aproveitando unha saída dubitativa do porteiro visitante para quedarse co balón dentro da área e envialo a pracer ao fondo das mallas, asinando o seu segundo gol noutros tantos encontros oficiais co Lugo.
O Spórting quedou moi tocado co un a cero e o Lugo armouse en defensa ata que se chegou á recta final do encontro. Nela os visitantes queimaron as súas últimas opcións ante un Lugo que chegou ao sprint final coa luz da reserva.
Tras varios saques de esquina, nun deles o Spórting empatou cunha gran volea ante a que nada puido facer Brais no rexeitamento dun córner.
O Lugo quedouse ás portas da vitoria pero o punto sabe aínda mellor despois de que o Spórting tivese unha última ocasión para gañar o encontro cun remate que se foi rozando o poste na última acción do encontro.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu