Oda á intensidade nas Gándaras

En Infantil, Liga Galega

Reparto de puntos entre Lugo e Montañeros nunha exhibición de gañas e bo fútbol entre ambos conxuntos

Partido de altos voos o disputado nas Gándaras entre Lugo e Montañeros. Unha oda ao fútbol base nun encontro que tivo todos os ingredientes que se poden pedir nun partido de Liga Galega infantil: intensidade, dous equipazos, calidade e emoción ata o asubío final.
Os herculinos presentáronse invictos no que vai de tempada e saíron das Gándaras con ese cartel, pero tras sufrir moitísimo. Nos primeiros minutos foron nos que máis cómodos estiveron, cun rombo no mediocampo que xeraba moitos problemas para axustar aos centrocampistas lucenses. Aos poucos o Lugo foise asentando e con iso creceu en todas as facetas do xogo ata ser superior.
Un roubo e pase ao espazo de Manu a Pérez foi a antesala do un a cero que subiu ao marcador Aymán ao empuxar un pase da morte do extremo.
Pese a encaixar o un a cero o Montañeros non variou o seu fútbol, quixo o balón e iso fixo que o partido fose moi atractivo, xa que o Lugo presionaba ben no mediocampo e cando tiña a posesión, tamén a quería coidar. A primeira parte terminou con mellores sensacións para o Lugo, xa que se xogou máis en campo rival aínda que non houbese moitas ocasións claras excepto un remate portentoso de Buide tras un saque de esquina que se foi desviado.
A segunda parte empezou de novo de poder a poder, pero co Lugo monopolizando as ocasións de gol. A máis clara unha internada de Marco na que Ayman xa esperaba no punto de penalti para empuxar o balón, pero o pase do extremo paseouse demasiado forte por diante da portería rival.
O Lugo perdoou en varias ocasións e á recta final chegouse co axustado un a cero. O Montañeros, que nunca renunciou ao partido, tivo a súa recompensa tras saír vivo do tramo inicial da segunda parte co empate a falta de dez minutos para o final .
Nos minutos finais Moha acompañou a Ayman na punta de ataque e, aínda que houbo aproximacións, non foron claras para romper o empate a un que reflectiu o marcador final.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu