O Villalbés borrouse tralo descanso no Roca cando gañaba por 2-0

En División de Honra, Principal, Xuvenil, Xuvenil superiores

SIMÓN LAMAS – RC Villalbés

“Fixemos o ridículo, e eu son o máximo responsable. Non encontro explicación ao que nos pasou no segundo tempo”

RC VILLALBÉS 2 – BANSANDER 4

O Rácing Villalbés deixou escapar unha oportunidade de ouro de engancharse á loita pola permanencia na División de Honra xuvenil, cando máis de cara o tiñan tras chegar ao descanso con dous goles de vantaxe ante o Bansander no Roca, Pero na segunda metade, incomprensiblemente, os chairegos borráronse.
Ata entón, co 4-3-3 co que saltaron ao campo, aos de Simón Lamas custáballes axustar as marcas, algo que rectificaron pasando a un 4-4-2 co que gañaron en solidez e apropiáronse do partido.
As boas sensacións plasmáronse no marcador, ao inauguralo cun gol marca da casa de Moreda no que lle gañou a partida a dous defensas cántabros.
Co un a cero no marcador o Villalbés terminou de asentarse no terreo de xogo, e froito diso chegou o segundo gol, de novo por medio de Moreda, nesta ocasión ao anticiparse ao porteiro visitante tras un saque de falta de Cadenas.
Ao descanso o dous a cero era un resultado totalmente xusto e co que o Villalbés empataba momentáneamente co Santiago de Compostela e deixaba a permanencia a oito puntos, co gol average particular a favor co Bansander tralo un a cero co que finalizou o encontro de ida.
Todo era optimismo no Roca, pero nada máis empezar a segunda parte as sensacións empezaron a ser malas. O Villalbés borrouse por primeira vez esta tempada no momento menos oportuno ante un Bansander que, tras recortar distancias aos cinco minutos, fíxose co control total do encontro.
O empate a dous chegou a continuación, e o dous a tres terminou de afundir a moral dun Villalbés que, en media hora, esgotara o botín e perdía por dous goles a catro.
O último cuarto de hora foi un querer e non poder por parte dun Rácing que intentará remontar o voo en Pontevedra.

También puedes leer!

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu