O Villalbés B enche o depósito de confianza

En Liga Galega, Xuvenil, Xuvenil superiores

IVÁN LAMAS – RC Villalbés B

“Acadamos un importante triunfo de cara á recta final de Liga”

RC VILLALBÉS B 3 – VICTORIA B 0

O Rácing Villalbés B encheu o depósito da confianza ao máximo de cara á recta final de tempada á que os de Iván Lamas chegan con todas as espadas no alto para loitar por manter a categoría.
O Rácing xogou un partido moi serio e esperou o seu momento para decantar o marcador ao seu favor. Conscientes de que o campo, sobre todo tras xogar antes os cadetes, poñeríase cada vez máis pesado co paso dos minutos, incidiron ao principio na seguridade defensiva para ir crecendo aos poucos en ataque.
Ao cuarto de hora Javi Herrero estivo providencial para evitar o cero a un ao gañarlle a partida a un dianteiro herculino cando se plantaba só ante Clemente.
Co paso dos minutos o Villalbés B tivo máis presenza en ataque, e pasada a media hora inicial tivo a súa recompensa co un a cero que subiu ao marcador Martín ao enviar ao fondo das mallas un balón solto na área visitante tras unha falta colgada por Anxo.
Antes do descanso Nico estivo a piques de ampliar a diferenza nunha primeira parte que o Villalbés B terminou como claro dominador.
Ao comezo da segunda continuou esa sensación, e o Rácing non deixou pasar a oportunidade de poñer terra polo medio. David, aos tres minutos, executou unha falta que pegou na barreira e deixou sen opcións ao porteiro visitante.
Pouco despois, á hora de partido, o encontro quedou totalmente visto para sentenza co tres a cero, nesta ocasión ao culminar cunha acción persoal Gabri unha xogada que iniciou Clemente cun saque longo de portería.
Na última media hora o Victoria B non deu síntomas de poder meterse no partido en ningún momento, e o Villalbés B deixou pasar os minutos sen facer sangue nin gastar máis do debido de cara á recta final de tempada na que se xogarán a permanencia na Liga Galega xuvenil.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu