O Roca e o Rácing Villalbés B cóllenlle gusto á Liga

En Liga Galega, Principal, Xuvenil, Xuvenil superiores

IVAN LAMAS – RC Villalbés B

“Triunfo traballado e tamén agardado”

RC VILLALBÉS B 1 – LALÍN 0

Un gol de Gabri, o segundo na súa conta particular esta tempada, na recta final da primeira parte deulle ao Rácing Villalbés B os tres puntos en xogo ante o Lalín.
Os chairegos, conscientes de que polo Roca pasan gran parte das súas opcións esta tempada, asinaron a súa segunda vitoria consecutiva para confirmar as boas sensacións que deixaran ante o Bergantiños.
De inicio o Lalín estivo mellor, asentándose antes no campo e dispoñendo, sen chegar a ser moi claras, de un par de chegadas coas que meteron o medo no corpo. Con todo, co paso do partido o Rácing B foi gañando protagonismo cunha presión en campo rival coa que propiciaron roubos e inseguridade nos visitantes.
No capítulo de ocasións o Villalbés B foi o que monopolizou as máis claras, cun remate de Martín por encima do pau e outro de Ángel que se estrelou no poste.
O Rácing B estaba cada vez máis cómodo no partido, con moita actividade ofensiva con Gabri, Samu e Martín, polo que o premio do gol chegou antes do descanso.
Gabri enviou o balón ao fondo da portería, tras un roubo de balón subindo o un a cero ao marcador co que se facía xustiza tralo visto nos primeiros corenta e cinco minutos de xogo.
Xa na segunda parte a loita librouse no medio campo, moi lonxe das áreas, polo que as ocasións brillaron pola súa ausencia. O Villabés B, sen ter que arriscar ao ir por diante no marcador, controlou o partido con moita seriedade defensiva e puido sentenciar cun remate de Pani que se foi rozando o poste e con outro de Ángel que non atopou portería.
Ao final, vitoria xusta dun Rácing Villalbés que lle toma o pulso á competición e que a próxima xornada pode dar un salto de xigante na clasificación de estrear a conta de puntos a domicilio ante o Victoria B na Coruña.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu