O Rácing Villalbés gáñase o dereito a soñar

En División de Honra, Principal grande, Xuvenil, Xuvenil superiores

SIMON LAMAS – RC Villalbés

“Acertamos nos momentos clave e soubemos sufrir ata o final. Vamos intentar engancharnos á pelexa a semana que vén en Cangas”

RC VILLALBÉS 2 – LLANO 2000 1

O Rácing Villalbés quedouse cos tres puntos en xogo ante o Llano 2000 e xa prepara a primeira gran final da tempada, a que lle medirá co Alondras na próxima xornada, na que os de Simón Lamas pódense enganchar de cheo á loita pola permanencia na División de Honra xuvenil.
A visita do conxunto asturiano ao Roca, sen ter tintes de final, era unha cita clave, e o Villalbés preparouna a conciencia.
A recuperación dos lesionados dalle un plus ao equipo, tanto no once inicial como ao longo do encontro cos cambios.
O encontro comezou de poder a poder, con moita igualdade e intensidade, pero o primeiro en pegar foi o Villalbés. Un golpe que marcou o encontro, xa que aos dez minutos Juanjo inaugurou o marcador ao rematar un saque de esquina lanzado por Cancio no segundo pau.
O un a cero fortaleceu a formulación do Rácing, que pasaba pola solidez defensiva. Neste apartado brillaron con luz propia Diego e Duarte, este último con dúas intervencións coas que cambiou o rumbo do encontro. A primeira mediada a primeira parte ao voar para sacar da escuadra un lanzamento de falta directa na mellor ocasión do Llano nestes corenta e cindo minutos.
Cando xa se encaraba o descanso, no último minuto, chegou o dous a cero. Nesta ocasión tras unha contra marca da casa que iniciou Moreda e finalizou Alberte ao enviar o balón ao fondo da rede tras regatear ao porteiro asturiano.
Con dous a cero terminou a primeira parte e a segunda empezou con máxima esixencia para o Villalbés, xa que o Llano queimou as súas naves e obrigou aos racinguistas a apertar os dentes en defensa para manter a renda. De novo Duarte foi clave niso, ao sacar outro balón da escuadra tras un remate de cabeza.
Os minutos pasaban no Roca e o Villalbés mantiña a diferenza ata que a falta de dez minutos para o final, tras un saque de esquina o balón volveu á banda e nun centro de segunda xogada o nove asturiano recortou distancias.
Con dez minutos por diante o Rácing tirou de oficio, coa entrada de Cadenas, gañando en contundencia defensiva e arrefriando o encontro ata o asubío final sen pasar por grandes complicacións.
Ao final, tres puntos que valen o seu peso en ouro, xa que o Rácing Villalbés chega ao final da costa de xaneiro moi vivo na División de Honra xuvenil.

También puedes leer!

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu