O Pontevedra tirou ao Lugo cadete á lona na Fonte

En Cadete, División de honra, Principal

Derrota por KO na segunda parte  tras unha primeira metade na que os de Martín Murado foron claramente superiores 

Dura derrota a encaixada polo Lugo ante o Pontevedra na Fonte. Os lucenses debutaban neste campo coa ausencia de Samu, ante a que Martín Murado reforzou o centro do campo con máis músculo, ao acompañar a Rosón, Javi e Iago López, que estreou a súa terceira posición esta tempada tras pasar polo centro da defensa, o lateral e agora o medio campo.
A premisa era clara, volver á senda da vitoria e superar o mal de Abegondo, xa que desde entón o Lugo non se reconciliou cos tres puntos. A predisposición foi moi boa, cunha boa primeira parte na que Brian “adiantou” ao Lugo cun gol pantasma nunha acción na que o conxunto albivermello reclamou que o balón, tras entrar na portería, saíra por un buraco na rede.
Ademais desta determinante acción, Pérez e Javi dispuxeron das ocasións máis claras nunha primeira parte na que o Pontevedra apenas se achegou aos dominios de Frutos, que debutou no once titular baixo paus.
O cero a cero co que se chegou ao descanso era pouco premio para o Lugo, pero nada máis empezar a segunda parte Manu fíxose co balón tras un cambio de orientación de Castrín e puxo o balón na área. Aí apareceu Pérez, e cunha impresionante volea puxo o balón na escuadra para facer o un a cero.
A partir de aí a intensidade foi máis baixa e a fráxil moral e confianza que ten agora o Lugo tocou fondo co empate a un nunha acción illada e sen aparente perigo cun remate de cabeza.
O Lugo foise do partido e o Pontevedra, que apenas inquietara, creu na remontada e deulle a volta ao marcador ao aproveitar un erro local no medio campo para asestar a estocada definitiva ao encontro e á moral dos lucenses.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu