O Lugo tivo a pólvora mollada

En Xuvenil, Xuvenil superiores

Os de Álex Antón foron mellores en santander, pero non concretaron as numerosas ocasións que xeraron e cederon os primeiros puntos da tempada a domicilio

O Lugo cedeu os primeiros puntos da tempada a domicilio ante o Bansander en Santander. Os de Álex Antón presentáronse ao encontro con pleno de vitorias nos tres encontros disputados fóra de casa este curso, tras impoñerse ao Alondras, Covadonga e Roces.
Os lucenses deixáronse os primeiros dous puntos pero as sensacións e o xogo foron igual de bos que nas tres vitorias anteriores. O Lugo mereceu traerse todo o botín en xogo, pero nesta ocasión a falta de puntería nos metros finais evitouno.
Desde os primeiros minutos o Lugo quixo ser e foi o protagonista do encontro a partir da posesión e con verticalidade.
David e Álex Ramos foron os primeiros en amagar con romper o cero a cero inicial. O Lugo chegaba con claridade e remataba todas as accións a balón parado, pero sen a guinda do gol. Algo que conseguiron os locais á media hora de partido na súa única ocasión.
Tras un saque de esquina cun par de rexeites, un xogador do Bansander enviou o balón ao fondo da rede da portería defendida por Brais.
A reacción non se fixo de esperar. Tan só dous minutos despois Álex Ramos peiteou un saque de banda e Óscar aproveitou o envío para devolver as táboas ao marcador.
Ao descanso o Lugo merecía mellor premio, pero os dous equipos retiráronse aos vestiarios con empate a un. Xa na segunda parte Dani Vidal, cun disparo desde fóra da área, estivo a piques de asinar a remontada nos primeiros minutos.
Co paso do encontro a intensidade foi baixando, as altas temperaturas minguaron aos dous equipos, especialmente ao Lugo, que foi quen levou o peso do encontro durante a maior parte do tempo. A pesar diso, nunha das últimas xogadas do encontro estivo a piques de chegar o un a dous cunha contra guiada por Héctor na que Raúl non chegou a conectar o remate por moi pouco.
Ao final, o Lugo tívose que conformar cun punto a pesar de que, sobre todo na primeira parte, mereceu irse ao descanso co marcador ao seu favor nun partido que terminou coa sensación de perder dous puntos e non a de sumar un.

Próxima xornada O Rácing de Ferrol visitará a próxima xornada ao Lugo. Os departamentais, recentemente ascendidos, suman nove puntos neste inicio de tempada no que suman os seus mellores números a domicilio tras gañar os dous últimos compromisos fóra de casa por cero a dous, ante o Oviedo, e cero a tres ao Colindres.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu