O Lugo encheu o depósito de confianza e ilusión en Ferrol

En Cadete Superiores, División de honra

Os de Martín Murado debutaron ao grande tras impoñerse con moita solvencia na Gándara ao Rácing de Ferrol, situándose na “pole position” dende a xornada inaugural

O Lugo cadete da División de Honra é unha das maiores bazas coas que conta o fútbol base lucense esta tempada e sobre o que están depositadas grandes esperanzas no club. A boa tempada que realizou o groso do persoal o curso pasado na Liga Galega e os reforzos que chegaron este verán fan deste equipo un dos punteiros na máxima categoría cadete.
Algo que demostraron desde a xornada inaugural mandando un aviso aos seus rivais tras impoñerse por cero goles a cinco no sempre complicado campo da Gándara ante o Rácing de Ferrol.
Os locais quixeron o balón desde os primeiros minutos pero a presión alta do Lugo puxo en moitas complicacións a un Rácing de Ferrol que tivo que variar o modelo de xogo no ecuador da primeira parte, cando o marcador xa era de cero a dous.
O primeiro asinouno Pérez de cabeza ao aproveitar un rexeitamento do porteiro tras un remate de Brian, pasado o cuarto de hora inicial e o cero a dous foi obra de Castrín ao rematar unha falta lateral.
A partir de aí o Ferrol foi máis directo e chegou nalgunha ocasión aos dominios de Demetrio, que evitou o un a dous, pero a ocasión máis clara antes do descanso foi para o Lugo, que por medio de Manu acariñou o cero a tres.
Na segunda parte, os locais intentaron cambiar o rumbo do partido cun cambio de sistema. Pero o Lugo mostrouse moi solidario en defensa, fíxose forte como bloque nos mellores minutos dos locais e sentenciou o encontro ao culminar Javi unha contra a 20 minutos do final, tempo no que Brian cheirou o sangue e acudiu por partida dobre á súa cita co gol para levar o marcador ata o definitivo cero a cinco tras culminar senllos balóns ao espazo.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu