O Lugo B tivo que remar contra corrente dende o inicio

En Liga Nacional, Xuvenil superiores

O 1-0 do Choco aos dous minutos de xogo condicionou o debut dos de Diego Cabo, que remataron metidos na área local en busca do empate

O novo Lugo B dirixido por Diego Cabo botou a andar esta tempada na Liga Nacional xuvenil en Redondela ante o Choco. Un partido que se presentaba complicado pero foino aínda máis tras encaixar o un a cero os lucenses aos dous minutos de xogo.
A partir de aí, o Choco, formado na súa maioría por xogadores de terceiro ano, tirou de experiencia e físico para defender o marcador a favor.
O Lugo B fíxose co balón, armouse de paciencia e buscou o empate, sobre todo con chegadas por banda de Lis que non tiveron rematador.
Dani Arias moveuse moito e ben na punta de ataque, mentres que Xabi Becerra e Porto asumiron o mando e a organización do xogo. Ao descanso chegouse cun a cero no marcador, aínda que sobre o terreo de xogo, se algún dos dous equipo mereceu irse con vantaxe ao descanso, foi o Lugo B.
Tras despedir o primeiro tempo con boas sensacións, ao comezo do segundo, Juan Carlos tivo unha clara ocasión nada máis saltar ao terreo de xogo.
Co Lugo B buscando o premio do empate, chegou o xerro de auga fría co dous a cero do Choco ao culminar unha contra cando tan só restaban dez minutos para o final.
Lonxe de baixar os brazos o Lugo B seguiu na mesma liña ata que Xabi Becerra abriu o tarro das esencias cun gran pase a Dani Arias que o monfortino enviou ao fondo das mallaspara asinar o dous a un. No tempo de desconto o Lugo B soñou co empate pero aos de Diego Cabo faltoulles sorte e puntería no debut ligueiro.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu