O Lugo B sorprendeu ao Villalbés no derbi

En Cadete, Liga Galega, Principal

Os de Edu Rodríguez déronlle aos chairegos unha sobredose da súa propia medicina para alzarse con xustiza cos tres puntos nas Gándaras

O Lugo B sorprendeu ao Villalbés no derbi e quedouse cos tres puntos en xogo con total xustiza. Os de Edu Rodríguez déronlle da súa propia medicina aos de Simón Lamas nun dos partidos máis completos da tempada por parte dos albivermellos.
O Lugo B variou un pouco o seu planteamento, quixo o balón, coma sempre, pero atrasou a primeira liña de presión para non deixar espazos a un Rácing que nunca se atopou cómodo sobre o terreo de xogo.
Con todo, a canle pola que circulaba o encontro, sen ocasións claras de gol, favorecía ao Villalbés. Os de Simón Lamas intentaron madurar o partido ata poder darlle unha boa estocada en ataque. O plan era viable, pero o Lugo B cambiou o guión.
Na recta final da primeira parte chegou o un a cero que asinou Michi ao empuxar unha asistencia de Freire, mentres que sen tempo para a reacción visitante, no seguinte minuto, foi Michi o que serviu o dous a cero a Freire para poñer ao Lugo B con dous a cero no marcador nun visto e non visto antes do descanso.
O Rácing fixo unha declaración de intencións nada máis sacar de centro, poñendo o balón directo en campo contrario, pero Juanma e Manel estiveron de dez en todas esas accións. Cada vez que o Lugo B tiña o balón, Xoel Irimia e Luís dábanlle osíxeno, pero o Villalbés soñou cos puntos ao recortar distancias Cadra tras unha falta lateral. Aos chairegos espertounos do soño Leo ao sentenciar o encontro na recta final co xusto 3-1 nas Gándaras.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu