O empate do Burela ante o Viveiro deixa ao Ribadeo líder en solitario

En Grupo Norte, Infantil, Infantil Autonómica

Dez minutos letais do Xove

 

FERROVIARIA 1 – XOVE LAGO 7

O Xove Lago impúxose á Ferroviaria nun partido que, a pesar da diferenza final, nos primeiros trinta minutos do encontro mantívose o equilibrio. Aos mariñaos custoulles abrir a lata ante unha Ferroviaria ben ordenada que se estirou con accións polas bandas e centros á área, pero o gol de Abel cambiou o partido. Os visitantes xogaron con máis confianza, e dez minutos de gran efectividade permitíronlles deixar o encontro encarrilado ao descanso. Abel, por segunda vez, Mateo e Hugo Pérez levaron o marcador ata un avultado 0-4. Demasiado lastre de cara á segunda parte para unha Ferroviaria que viu como o bo traballo dos primeiros trinta minutos se diluía. Aínda así, antes de rematar o encontro os de Javi Baamonde conseguiron anotar un gol.


 

O Foz segue co seu sprint para chegar ao final con opcións de clasificarse 

 

FOZ 16 – SAN CIPRIÁN 0

Terceira vitoria consecutiva do Foz, que suma 15 puntos e pode seguir mirando á cobizada cuarta praza que agora ocupa o Lugo B con 12, aínda que cun partido menos. Os de Iván Gayol, moi enchufados nas últimas xornadas, tampouco lle deron tregua a un San Ciprián ao que o encontro se lle complicou xa antes de empezar, ao chegar ao Municipal con só once xogadores.
Nada maís comezar o encontro Manu Abuín marcou o 1-0, e antes de cumprirse o 10 Pablo fixo o 2-0. O partido foi dende ese momento un monólogo do Foz que chegaba unha e outra vez á area visitante con xogadas polas bandas, e que non perdoou nos remates á portería.

 


 

O Ribadeo xa é líder en solitario

 

RIBADEO 12 – MILAGROSA A 0

O Ribadeo continuou a súa xeira triunfal ante a Milagrosa A. Na súa sétima vitoria  na Liga os de Roberto mantiveron a súa efectividade en ataque e a súa solidez defensiva, especialmente no Pepe Barrera, onde só encaixaron un gol no que vai de temporada. A súa próxima cita será na Magdalena, ante o Villalbés B. A Milagrosa, pola súa parte, recibirá ao Viveiro na Frigsa.

 


 

Gran duelo de estilos no Cembedo

 

VIVEIRO 1 – BURELA 1

Viveiro e Porto de Burela empataron a un no Cembedo nun partido intenso e con alternancias no xogo, onde cada equipo intentou implantar os seus sinais de identidade.
O Viveiro quixo ter o balón, pero iso ante equipos como o Burela é complicado, xa que son un físicos e con verticalidade.
Ao cuarto de hora o Burela inaugurou marcador ao transformar Adrián un penalti, pero lonxe de romperse o encontro, mantívose o duelo de estilos, co que se chegou ao descanso co axustado cero a un.
Xa na segunda parte o Burela intensificou a presión en busca do cero a dous, pero o que chegou foi o empate a un ao conectar Veiga un disparo afastado co que devolveu as táboas ao marcador.
Na recta final incluso o Viveiro puido pescar os tres puntos ante un Burela que quixo marcar o terceiro gol antes que o segundo.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu