O Becerreá métese na loita polo Provincial, que aínda non ten ningún representante do grupo sur

En Cadete, Cadete Autonómica, Grupo Sur Cadete Autonómica

A pegada do Polvorín valeu os tres puntos

 

POLVORÍN 3 – SAGRADO 0

A pegada sacou dun aperto ao Polvorín, que puido ver como a súa clasificación para o Provincial cadete se complicaba ante un Sagrado Corazón que pese a manter o cero a cero inicial ao descanso, cedeu cando mellor estaban sobre o terreo de xogo ante a pegada dos de Caballero.
Na primeira parte apenas houbo ocasións por parte de ningún dos dous equipos. O Polvorín intentou presionar en campo rival, pero cada xogador fixo un pouco a guerra pola súa conta.
Pola súa banda o Sagrado estivo firme en defensa, aínda que lle faltou un pouco de calma co balón para poder xerar algo de perigo.
Tralo descanso o Sagrado Corazón deu un paso á fronte e tivo algunha chegada con perigo, pero a pegada correu a cargo dos locais. No ecuador da segunda parte, nunha acción sen aparente perigo, Yago fixo o un a cero ao rematar un pase de Javi. A partir de aí o Sagrado veuse un pouco abaixo e o Polvorín aproveitouno para sentenciar o encontro cos goles de Álex, cun disparo dende fóra da área tras aproveitar un rexeite, e de Javi, ao rematar de cabeza un centro de Nico.
Na próxima xornada o Polvorín visita o campo dun Becerreá que suma catro vitorias seguidas e o Sagrado visita ao líder, a Sarriana, na Ribela.

 


 

Póker de vitorias consecutivas  para un Becerreá que xa é cuarto 

 

ABUÍN 1 – BECERREÁ 6

O Becerreá asinou na Cheda a súa cuarta vitoria consecutiva coa que os de Antón Méndez entran entre os catro primeiros postos, que dan opción a disputar o Provincial cadete.
O encontro ante o Abuín comezou a unha hora pouco habitual, ás 10:30. Con todo, o estado de forma polo que atravesan os de Antón Méndez viuse nada máis empezar, estrelando dous balóns no poste nos primeiros segundos de partido por medio de Borja e Brais.
A dinámica positiva guiou ao Becerreá levando o marcador ata o cero a catro ao descanso tralos goles de Borja, Damián, Álex e de novo Borja.
Tralo descanso o ritmo de partido foi máis baixo e o Becerreá empezou a pensar na próxima cita na que recibirá ao Polvorín nun partido clave para dar un paso de xigante cara ao Provincial cadete. Pola súa parte o Abuín medirase co Monterroso no campo de Cerdeiriños.

 


 

Táboas tras un bo partido na Ribela

 

RIBELA 2 – FERROVIARIA 2

Ribela e Ferroviaria repartíronse o botín en xogo nun partido con lixeiro dominio visitante, de feito os de Carlos adiantáronse en dúas ocasións no marcador con cadanseu goles de David. O cero a un aos vinte minutos, marcador co que se chegou ao descanso. Na segunda parte Saúl fixo o un a un, pero de novo David adiantou aos capitalinos antes de que Ayán certificase o empate nun partido no que o Ribela foi de menos a máis.

 


 

Un resultado sen  ningún sentido 

 

ANTAS 0 – RESIDENCIA 21

No Castro Seoane disputouse un encontro que sobra no fútbol en xeral e máis no de base. O cero a vinteun co que terminaron os oitenta minutos de xogo foi un perda de tempo para uns e outros, ademais dun auténtico sen sentido.
Dous equipos de distintas categorías por potencial, por número de xogadores e por nivel medíronse nunha batalla desigual na que o Antas, con tan só once efectivos, non puido facer ningunha fronte. Ao descanso o marcador era de cero a catorce, pero na segunda parte víronse sete goles máis do conxunto capitalino.

 


 

O Monterroso segue en liña ascendente

 

PALAS 0 – MONTERROSO 2

Cuarta vitoria consecutiva para un Monterroso que chega ás tres últimas xornadas con serias opcións de clasificarse para o Provincial cadete. Todas elas pasaban polo derbi ante o Palas, no que tras unha primeira parte pechada e sen apenas ocasións, Martín inaugurou o marcador cun disparo desde fóra da área na segunda parte, e Iván sentenciou o encontro cunha contra no último minuto.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu