Moito por decidir na última xornada do Grupo Sur infantil

En Grupo Sur, Infantil, Infantil Autonómica, Principal

Residencia e Milagrosa cítanse polo Provincial

 

RESIDENCIA 1 – MILAGROSA B 2

No duelo entre os dous primeiros clasificados do grupo sur os de Madriles leváronse os tres puntos da Cheda e con eles o liderado provisional, que se decidirá na última xornada. Ambos equipos contan con 33 puntos: os branquiazuis, segundos, con 74 goles a favor e 9 en contra, visitarán trala semana de descanso ao Rácing Villalbés; os da Frigsa marcaron 76 e recibiron só 6, e no seu último encontro da primeira fase recibirán ao Becerreá.
Por números as cousas pintan mellor para a Milagrosa, que se fixo cos tres puntos nos últimos minutos, cando o encontro camiñaba directo cara o empate. Ata entón o partido fora o que todos queren xogar: igualado, cos dous equipos moi enchufados, con moito ritmo e cheo de alternancias.
Os albivermellos asumiron o peso do partido mentres que os locais, á contra, gozaban das mellores oportunidades para adiantarse. Sería Miguel, a cinco minutos para o descanso, o que puxera por diante aos da Frigsa, aproveitando unha falta lateral.
Tralo paso polos vestiarios a Residencia reaccionou cun gran traballo en defensa para buscar espazos á espalda. Así Dani Pérez aproveitaba un pase de Dani Lorenzana para bater a Borja no man a man e devolver as táboas ao marcador.
A catro minutos para o final a Resi tivo o 2-1 nun córner a favor, pero na contra sería Rafa o que sentenciara co definitivo 1-2 que dá o primeiro posto á Milagrosa.

 


 

A Piringalla depende de si mesma

 

CASÁS 1 – PIRINGALLA 2

Por primeira vez na historia a Piringalla pode clasificarse para loitar polo campionato provincial, xa que, de gañar o partido pendente contra o Becerreá e o da última xornada ante o Palas, os de Jorge estarían na segunda fase. Isto é posible grazas á vitoria contra Casás nun encontro moi igualado que desnivelou Cristobal a dous minutos para o final, ao rematar unha contra que supoñia o definitivo 1-2.

 


 

O frío non puido co Polvorín B

 

FERROVIARIA A 1 – POLVORÍN B 2

Pese ás baixas temperaturas e ao cedo que se disputou o encontro, Ferroviaria e Polvorín demostraron que seguen en liña ascendente. Os locais, superiores na primeira media hora, puxéronse por diante cun gol de López, e pouco antes do descanso Manu C. colocaba de novo as táboas no marcador. Tralo paso polos vestiarios os amarelos chegaron mellor aos últimos minutos e leváronse os tres puntos grazas a un gol de Reguera.

 


 

A Sarriana cumple, pero terá que agardar ao que faga a Piringalla para clasificarse

 

BECERREÁ 0 – SARRIANA 2

A vitoria fronte ao Becerreá mantén aos de Raúl na cuarta posición por diante da Piringalla, cun partido menos. Os sarriaos dependen do conxunto capitalino para pasar á seguinte fase, xa que gañando na última xornada e fallando a Piringalla nun dos seus DOUS encontros restantes, a Sarriana estaría no Provincial.
No encontro no Municipal os de Raúl puxéronse pronto por diante grazas a un gol de Rubén. O Becerreá, pola súa banda, esperaba a súa oportunidade á contra e tivo máis chegada ao comezo da segunda metade, nos mellores minutos dos de Nico. Coa saída ao campo dos alevíns Álex e Adri a Sarriana colleu aire para a recta final do encontro, na que Fabio fixo o definitivo 0-2.

 


 

O Abuín segue en liña ascendente

 

SAGRADO 1 – AT. ABUÍN 3

Os de Adrián Vázquez continúan progresando na recta final da primeira fase e leváronse o encontro fronte ao Sagrado, outro equipo que rematará o ano con boas sensacións. Os branquiazuis foron donos do balón na primeira parte, que finalizou 0-1 grazas ao gol de Nico G. Na segunda, tralo 0-2, o Sagrado tomou o mando e, ademáis de recortar distancias, gozou de moitas ocasións antes de que Eric sentenciara dende os once metros.

 


 

Louzao e Álex dan a vitoria ao Antas

 

RUBELA 0 – ANTAS 3

Tras sete xornadas sen sumar o Antas volveu á senda da vitoria en Sarria, ante un Ribela que pese a dominar durante boa parte do encontro non estivo acertado de cara a porta. Os da Ulloa, con ata cinco alevíns neste encontro, fixéronse cos tres puntos grazas aos goles na segunda metade de Louzao, por partida dobre, e de Álex. O Ribela remata a súa participación na primeira fase ante o Abuín. O Antás recibirá ao Casás.

 

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu