Moito máis que tres puntos

En Liga Nacional, Xuvenil superiores

O Rácing Villalbés saÍu reforzado de Vigo tras un encontro dominado na primeira parte no que souberon sufrir como grupo para manter a renda no treito final

Hai vitorias que valen máis que tres puntos e aínda que iso adoita suceder nos tramos finais de tempada, o Rácing Villalbés debutou na Liga Nacional cun triunfo deses que valen máis que os tres puntos.
O Areosa, un clásico da División de Honor xuvenil, recibiu aos chairegos cun equipo practicamente novo respecto ao da pasada tempada pero cun potencial que invita a pensar que serán un dos candidatos a recuperar a praza na máxima categoría.
Os locais intentaron tomar as rendas do partido desde os primeiros minutos e o Rácing asumiu o reto cun bo posicionamento que, co paso do partido, propiciou roubos e saídas claras á contra. Samuel, Paulo e Moreda amagaron co cero a un, pero este fíxose de rogar ata que David López apareceu nunha acción chamada a ser marca da casa esta tempada.
Tras un córner, o Rácing inaugurou o marcador cun remate do medio centro no segundo pau. Co partido controlado os de Cholas puxeron terra polo medio no electrónico antes do descanso, esta vez por medio de Moreda ao aproveitar un balón ao espazo de Samuel para pechar unha primeira parte con dous goles de vantaxe e, sobre todo, con moi boas sensacións.
Xa na segunda parte o Areosa foi gañando terreo aos poucos, con fútbol directo e ocasións claras, ante as que Clemente estivo espectacular. O un a dous chegou na recta final cun lanzamento de penalti pero o Rácing Villalbés púxose o mono de traballo, apertou os dentes e mantivo a renda nunha exhibición de traballo colectivo para levarse os tres primeiros puntos da tempada nun duelo de alturas.

Próxima xornada Os de Cholas debutarán no Roca ante o Valladares, que na primeira xornada lle plantou cara a todo un Celta de Vigo, ante o que caeu por un axustado 1-2 tras irse ao descanso gañando 1-0.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu