Segunda xornada do Provincial infantil

En Infantil, Principal, Provincial

Táboas nun duelo cheo de alternativas na Cheda

Sagrado e Resi selaron un empate xusto tras un partido que os da Cheda comezaron perdendo por 2-0 para facer o definitivo 3-3 no desconto

Primeiro punto no Provincial para os de Adrián Suárez, que neste encontro estiveron dirixidos dende o banco por Mincha, e segundo empate para os de Alberto Pérez, que non conseguiron pechar o marcador na segunda metade.
O encontro comezou con claro dominio do conxunto local, que xa tivera varias ocasións antes de que Fran fixera o 1-0 ao rematar unha falta lateral, e Jarno o segundo, tras un saque en longo de Alan.
Os de Alberto foron dominadores da primeira parte ata que aos poucos a Residencia se foi asentando no campo. Así, Unai conseguiu un doblete pouco antes do descanso que volvía igualar o marcador e deixaba todo por decidir para a segunda metade.
Tralo paso polos vestiarios os da Cheda saíron mellor, buscando un xogo máis directo, pese a iso o Sagrado volveu poñerse por diante por medio de David Basadre, que de novo acudiu á súa cita co gol tras aproveitar un pase de Jarno entre liñas e definir no man a man ante Nico.
A partir de aí as ocasións sucedéronse para os locais, que mandaron ata cinco balóns ao pau. A Residencia aguantou o arreón branquiazul e esperou a súa oportunidade, que chegaría no tempo de desconto.
Santi Vélez, nunha xogada persoal dende a banda, recortou a un defensa e definiu ben para selar así o definitivo 3-3 no Rodríguez Lago que supoñía o primeiro punto para os da Cheda neste Provincial.
O próximo encontro do conxunto de Adrián Suárez será fronte a Sarriana, mentres que o Sagrado Corazón xogará como visitante, na fin de semana do 15 de decembro, fronte ao Club Deportivo Lugo B.

 

A Sarriana soubo sufrir na Ribela

Tras descansar na xornada inaugural, os de Raúl leváronse a vitoria pola mínima fronte a un Becerreá que mereceu un pouco máis tralo visto ao longo dos 80 minutos

Os sarriaos debutaron no Provincial con vitoria, tras descansar na xornada inaugural, pero acusaron a falta de ritmo tras varias semanas sen competir e sufriron ao longo de todo o partido ante unha boa versión do Becerreá, que tal vez mereceu máis premio ao remate do encontro disputado na Ribela.
Os de Nico sairon un pouco durmidos e a Sarriana aproveitou nos primeiros minutos unha xogada á contra que finalizaba Xoel para facer o 1-0 co que se chegaría ao descanso.
Na segunda metade os de Raúl saíron con máis ganas e conseguiron facer o dous a cero por medio de Adrián noutra xogada rápida, pero a partir de aí os locais relaxáronse e o Becerreá colleu o mando do partido.
Carlos recortou distancias de cabeza, pero nunha xogada illada Nico conseguiu facer o 3-1. Con dez minutos aínda por diante Babiac volvía reducir as diferenzas a só un gol cun gran disparo dende fora da área e no tempo de desconto Carlos tivo nas súas botas o gol do empate, pero a Sarriana soubo sufrir nos minutos finais do encontro para manter o resultado e que os tres puntos quedaran finalmente na Ribela.

O Rácing foi máis eficaz

Os chairegos, pese a non xogar o seu mellor encontro, foron máis contundentes que o CD Lugo B en área rival e sumaron a segunda vitoria

Segunda vitoria no Provincial para os de Jandro Novoa e segunda fronte ao CD Lugo B esta temporada, tras gañar tamén no encontro que os mediu na primeira fase. Tras dúas xornadas, os chairegos son líderes cos mesmos puntos que o Ribadeo, que tamén conta por vitorias os seus encontros nesta Liga.
No partido do pasado sábado a eficacia nas áreas foi clave, e aí o Villalbés resultou letal. O CD Lugo saíu mellor ao campo e tivo os primeiros acercamentos, con dous ocasións de Dani e Xoel que non se materializaron. Pola contra, os chairegos non desaproveitaron a primeira que tiveron e, arredor do minuto dez, Álex Gimeno transformaba unha falta ao borde da área que supoñía tamén o primeiro gol do mediocentro esta temporada.
Pouco despois chegaría o dous a cero, obra de Anxo tras un roubo en campo contrario e, case sen tempo para saborealo, Dani recortaba distancias logo dunha gran xogada.
O CD Lugo foi pouco a pouco mellorando e sentíndose máis cómodo no terreo de xogo, pero non materializaba as súas oportunidades, todo o contrario que o Rácing, xa que xusto antes do descanso Vicente facía o 3-1 que inclinaba un pouco máis o partido a favor dos locais.
Tralo paso polos vestiarios o ritmo de encontro baixou e tan só Hugo e Noel viron porta ao transformar cadanseu penalti, un pouco protestados polo banquiño albivermello. Ao final 5-1 a favor dun Rácing que continúa invicto esta temporada e que na próxima xornada, tralo parón da ponte da Constitución, medirase á SD Ribadeo nun duelo de altos voos que pode deixar un líder en solitario por primeira vez neste Provincial infantil. O Club Deportivo Lugo B, pola súa banda, recibirá ao Sagrado.

 

O Ribadeo é o rei dos derbis mariñaos

Os de Moro gañaron na xornada inaugural ao Porto de Burela e o pasado sábado fixéronse tamén coa vitoria en Viveiro, nun encontro marcado polo forte vento

Tras este triunfo os ribadenses comparten liderado co Rácing Villalbés, que tamén suma dúas vitorias noutros tantos encontros. Precisamente os chairegos serán o próximo rival dos de Moro, co liderado en solitario en xogo.
O derbi no Marcos Gómez estivo marcado polo vento, que favoreceu na primeira parte aos visitantes. Pese a iso os viveirenses tiveron a primeira ocasión para adiantarse por medio de Teshome, nun man a man, pero a partir de aí o dominio foi total da SD Ribadeo, que fixo tres goles antes do descanso por medio de Antón, Ayoub e Xabi para deixar o encontro practicamente visto para sentenza.
Tralo paso polos vestiarios a SD Viveiro intentouno co vento a favor e conseguiron recortar distancias grazas a un gol de penalti de Adrián. Pese a iso, o conxunto ribadense soubo manter a calma para xogar con cabeza e así sentenciar o encontro co 1-4, un gol de Igna tras unha gran xogada individual de Antón.
O fútbol provincial descansa a vindeira fin de semana e volverá o sábado 15 de decembro. O Ribadeo recibe ao colider, o Rácing Villalbés, mentres que a SD Viveiro medirase ao Burela nun novo derbi mariñao.

 

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu