Gran dosis de moral para o Calasancio coa vitoria ante o Valladares

En Cadete, Cadete Superiores, Liga Galega Sur

CORDAS – CP Calasancio

“O equipo demostrou que está moi vivo”

VALLADARES 1 – CALASANCIO 2

O Calasancio chega ao parón de Nadal con moitos deberes de cara á segunda fase da tempada na que estará en xogo manter a categoría, pero os de Cordas fano tamén cunha gran dose de moral tras asinar ante o Valladares a súa segunda vitoria da tempada, demostrando que están moi vivos na competición.
O encontro tiña tintes de final para os monfortinos, xa que de perder o seu rival iríase a nove puntos. Pero o Valladares tamén mostrou un gran respecto polo Calasancio, sobre todo na primeira parte, na que os dous equipos centraron a súa atención no plano defensivo.
A través dalgunha acción a balón parado os locais chegaron aos dominios de Manu, especialmente cun lanzamento de falta directa ante o que se luciu o porteiro monfortino, pero o cero a cero ao descanso foi inamovible.
O tarro das hostilidades abriuse na segunda parte, co cero a un do Calasancio nada máis empezar. Un gol que asinou Samuel ao poñer o balón na escuadra tras un pase de Diego logo dun roubo de balón. Sen tempo para a reacción local, Santi ampliou a vantaxe ao rematar un saque de esquina en pleno desconcerto dun Valladares que, cun par de axustes e cambio de xogadores, recuperou o pulso de cara á recta final do encontro.
A falta dun cuarto de hora chegou o un a dous, no primeiro disparo a portería dos locais en toda a segunda parte. A partir de aí, máis polo axustado do marcador que polo xogo local, o Calasancio tivo que poñer os cinco sentidos no xogo para saír cunha vitoria de Valladares que vale moito máis que tres puntos.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu