Este Lugo vai moi en serio na División de Honra xuvenil

En División de Honra, Principal grande, Xuvenil

Segundos na táboa tralo Celta  despois de impoñerse a un Pontevedra superado co paso dos minutos na Cheda

O Lugo segue dando motivos para ser optimistas cunha gran tempada na que o soño da Copa do Rei está no horizonte. Os de Álex Antón atravesan por un gran estado de forma e instálanse de cheo no segundo posto logo de seis xornadas sen perder nas que sumaron 16 dos últimos 18 puntos en xogo.
Ante o Pontevedra o partido estaba marcado de inicio pola ausencia de David Guitián, que xogou co filial, e polo escenario, xa que o encontro disputouse na Cheda. Un terreo de xogo amplo no que o Lugo levou a batuta na primeira parte e o decantou ao seu favor na segunda cos goles de Dani Vidal e Christian.
Ata entón o Lugo armouse de paciencia ante un Pontevedra moi replegado nos primeiros corenta e cinco minutos. Os lucenses non quixeron tomar excesivos riscos, polo que a circulación de balón foi algo lenta para poder derrubar o entramado defensivo visitante.
Álex Ramos e Óscar, nunha mesma acción, dispuxeron das dúas únicas ocasións na primeira parte que finalizou con ritmo moi lento trala lesión do porteiro visitante.
Nos vestiarios Álex Antón conseguiu que o seu equipo tivese unha marcha máis. Abriu o campo e o balón circulou máis rápido, metendo por momentos ao Pontevedra na súa área.
Tras unha acción por banda con centro de Martín, Dani Vidal chegou ao rexeite e conectou un preciso disparo que se coou por toda a escuadra para facer o un a cero aos dez minutos da segunda parte.
Co marcador en contra o Pontevedra estirouse un pouco máis, pero tamén deixou máis espazos á contra. Álex Ramos entendeuno á perfección e serviu un balón ao oco para que Christian explotase a súa velocidade e calidade para bater ao porteiro visitante no man a man e deixar visto para sentenza o encontro co dous a cero.
O Pontevedra, á desesperada, intentou recortar distancias e tivo un remate ao pau, pero o Lugo durmiu o partido nos minutos finais co balón no seu poder ata o asubío final.

Próxima xornada O Lugo volve a terras cántabras o vindeiro domingo para medirse co Perines, un clásico desta competición, que vén de empatar os últimos tres encontros disputados.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu