Empates no Rodríguez Lago e na Devesa. Vitorias de Milagrosa e Porto de Burela

En Infantil, Infantil Autonómica, Provincial

Táboas nun duelo de alternativas

 

PIRINGALLA 2 – RC VILLALBÉS 2

Reparto de puntos entre Piringalla e Villalbés, que suman despois de dúas e tres xornadas sen facelo. Os racinguistas tiveron o balón pero con menor fluidez na circulación que noutras ocasións, incluído o partido de ida contra o mesmo rival, polo que non conseguiu traducir a posesión en perigo para a portería de Manuel. Así, nunha das súas primeiras chegadas Á área, nun centro que a defensa local non conseguiu despexar, Calderón adiantou á Piringalla. O gol deu ás ao equipo de Jorge, que nos seguintes minutos tratou de aproveitar o seu momento no partido para abrir máis distancia. No entanto, o Villalbés recuperou o control do esférico e, xusto antes do descanso, Anxo fixo o empate ao rematar de cabeza un bo centro de Álex Losada.
Na segunda metade os visitantes foron máis incisivos, lograron adiantarse cun gol de penalti, que transformou Brais, e tiveron algunha opción máis para abrir distancia pero non acertaron e, no último treito, a Piringalla que adiantou liñas para tratar de empatar o encontro. Logrou o seu premio nun disparo lonxano de Ángel. Jose e Javi tiveron ocasións para desnivelar de novo o partido.

 


 

A Milagrosa marca distancia cos seus perseguidores pola segunda praza

 

MILAGROSA B 9 – VIVEIRO 1

A Milagrosa deu un golpe case definitivo á loita pola segunda praza tras vencer ao Viveiro no López Gorgoso.
Os empates das últimas xornadas con Ribadeo e Porto de Burela abriran a pelexa por esa segunda praza para xogar polo Ascenso, e os de Madriles necesitaban un triunfo para afortalar a súa posición e non complicarse de cara ao treito final da temporada. Tres puntos que lograron sen complicacións tras uns primeiros minutos de igualdade nos que o Viveiro se puxo 2-1.
Os da Frigsa non deron máis opcións, dominaron o encontro e crearon ocasións para ir ao descanso cun 4-1 que seguiron ampliando na segunda metade ante un equipo visitante xa completamente desdebuxado.

 


 

O Ribadeo resistiu o asedio e quedou cun valioso punto ante o líder aínda invicto

 

RIBADEO 0 – RESIDENCIA 0

Reparto de puntos entre Ribadeo e Residencia, que deixou os primeiros puntos da temporada ante os de Roberto. O empate deixou mellor sabor aos locais, que sufriron para aguantar o resultado. O Ribadeo saiu mellor ao campo, e mesmo tivo unha ocasión para adiantarse nun remate de Carlos, pero co paso dos minutos, a Residencia, incómoda no campo natural da Devesa, gañou confianza e fíxose co control do partido. As chegadas de Lombardía levaron moito perigo á area local, asediada no último treito do encontro con opcións moi claras como un remate de Dani Pérez na área pequena a sete para o final, ou un gol anulado por fóra de xogo dous minutos despois.

 


 

O Burela foi máis resolutivo nas áreas e suma 13 dos últimos 15 puntos en xogo

 

PORTO DE BURELA 3 – CD LUGO B 1

O Burela logrou os tres puntos ante o Lugo B, e suma 13 dos 15 en xogo nos últimos cinco encontros, uns números que so iguala a Residencia.
A maior resolución nas áreas permitiulles manter esta boa xeira ante un Lugo B, que non foi quen de traducir en goles o seu dominio e que se mostrou brando nalgunhas accións defensivas. De feito, o primeiro gol do Burela chega no minuto 40, nun centro á área que non conseguen despexar. Nunha xogada similar, no inicio da segunda metade, chegou o 2-0. Os albivermellos conseguiron reducir distancias e volcáronse ao ataque, o que aproveitaron os locais para sentenciar co 3-1 nunha contra.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu