Dous empates e primeira vitoria do Polvorín nesta xornada do Provincial cadete

En Cadete, Cadete Autonómica, Provincial

Castro e Residencia volven asinar táboas

 

CASTRO 0 – RESIDENCIA 0

Castro e Residencia, dous aspirantes a unha das dúas primeiras prazas do Provincial cadete, volveron a empatar a cero, resultado que se deu tamén no partido de ida disputado na Cheda.
O vento xogou un papel excesivamente protagonista, soprando na primeira parte a favor do Castro, polo que os de Raúl Morán estiveron máis cómodos nuns primeiros corenta minutos nos que a loita librouse no medio campo, moi lonxe das áreas, sendo a mellor ocasión para a Residencia tras un córner no que case se produce un autogol do Castro.
Na segunda parte a Residencia, co aire a favor, levou o peso do partido, pero non puido co entramado defensivo do Castro, que tan só sufriu con algún disparo afastado ou accións a balón parado na que Rivera e os seus tres centrais mostráronse moi sólidos.
Ao final, os dous equipos deron por bo o reparto de puntos que deixa a ambos coas espadas en todo o alto de cara o que resta de Provincial.

 


 

A lesión de Sebas empañou a   primeira vitoria do Polvorín 

 

XOVE LAGO 2 – POLVORÍN 3

Unha acción fortuita na que o capitalino Sebas caeu mal ao chan tras un salto eclipsou un disputado encontro no que o Polvorín sumou a súa primeira vitoria no Provincial cadete. Un triunfo que se fixo de rogar en exceso, pero desde o que os de Caballero esperan crecer no que resta de tempada.
Andrés puxo por diante aos de Montirón, pero Diego volveu acudir á súa cita co gol para facer o un a un antes de que Yago asinase o un a dous co que se chegou ao descanso.
Ao empezar a segunda parte chegou a acción da lesión de Sebas, que sacou do encontro ao Polvorín por uns minutos. O Xove conseguiu o empate a dous, de novo por medio de Diego, pero Diego Torres apareceu á hora de xogo para rematar unha falta lateral e facer o dous a tres. No tramo final o Polvorín fíxose forte en defensa e mantivo a vantaxe.

 


 

Sarriana e Ribadeo empatan a dous na Ribela

 

SARRIANA 2 – RIBADEO 2

Partido entretido, disputado e con alternativas para ambos equipos, tanto no xogo como no marcador, ao longo dos oitenta minutos na Ribela, onde se mediron e repartiron os puntos a Sarriana e o Ribadeo.
Na primeira parte as forzas estiveron igualadas, pero foi a Sarriana quen tivo máis ocasións, e froito diso os de Pedro inauguraron o marcador ao culminar Dieguín unha xogada de Hamza. O Ribadeo buscou as contras, pero non puido empatar e ao descanso chegouse con un a cero.
Nada máis empezar a segunda parte Casanova fixo o un a un. A partir de aí o intercambio de golpes foi unha constante, con Abella e Fabián amagando co dous a un, pero con Casanova de novo como o xogador máis certeiro ao facer o un a dous.
A cinco minutos para o final Abella devolveu as táboas ao marcador e de aí ata o final do encontro tanto Ribadeo como Sarriana dispuxeron de ocasións para poder gañar, pero o marcador xa non se moveu e ambos equipos repartíronse o botín en xogo tras oitenta minutos moi vistosos e disputados de poder a poder na Ribela.
Na próxima xornada a Sarriana visita ao Castro e o Ribadeo recibirá ao Sagrado Corazón.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu