Cospeito, único equipo xuvenil invicto e sen encaixar ningún gol

En Principal, Provincial, Xuvenil

Polvorín FC e Castro empatan á fronte da táboa con 12 puntos. Ambos con catro vitorias e un empate nun grupo con catro aspirantes ás tres primeiras prazas

As vitorias de Polvorín, Castro, Sagrado Corazón e Cospeito abriron unha fenda no medio da clasificación do grupo Centro na que a vindeira fin de semana poderían celebrarse xa clasificacións definitivas para a segunda fase.

A un paso da meta
O Polvorín, que tirou de oficio para vencer a un San Roque crecido no derbi de Montirón, aseguraría o pase matematicamente cunha vitoria a vindeira xornada. Claro que o rival é o Cospeito que, de gañar hoxe o partido aprazado da segunda xornada, chegaría ao duelo directo nas mesmas condicións de celebrar a clasificación.
No caso do Castro, que esta semana gañou con apuros na Cheda, unha vitoria fronte á Ferroviaria suporía a clasificación virtual, que non matemática, xa que aínda terá que medirse ao San Roque.

Xove e Viveiro medran
Máis aberta está a clasificación no grupo Norte onde Xove Lago e Viveiro CF B reivindicaron as súas candidaturas. Os de Bruno a costa da do Ribadeo, nun partido no que efectividade foi clave. Os de Sergio Iglesias baixando do podio ao Foz tras deixar o partido visto para sentenza na primeira metade, 4-0.
O San Ciprián, que recuperou o bo tono ante a Pontenova, agarda o duelo directo ante o Rácing Villalbés B, que descansou esta semana. O liderado do grupo estará en xogo na Magdalena.

Sabor a Provincial
Becerreá e Milagrosa xogaron no Municipal un partido de máxima intensidade e con alternativas no marcador, no que os dous equipos amosaron a súa mellor versión.
Javi adiantou aos locais que, pese a encaixar axiña o empate, foron ao descanso por diante cun gran gol de Jorge. O resultado premiaba a un Becerreá algo máis incisivo na primeira metade pero, á volta dos vestiarios, foi a Milagrosa a que se achegou con máis perigo á portería rival. Así, tras alguns intentos fallidos, chegou o empate. Recén saído do banco, Damián volveu adiantar aos de Antón que, no desconto, nun córner viron como se lles escapaba a vitoria. Quiroga e Sarriana asinaron o outro empate do grupo Sur, este sen goles, aínda que con ocasións, sobre todo para os visitantes no treito final. Palas e Taboada selaron a xornada con cadansúa vitoria.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu