Burela e Ribadeo comparten o título no Grupo Norte xuvenil

En Grupo Norte, Xuvenil, Xuvenil Autonómica

O Castro volve ao Provincial

 

OUTEIRO 0 – CASTRO 8

O Castro logrou en Outeiro de Rei a vitoria que precisaba para clasificarse para xogar a Promoción. Unha experiencia que non será nova para boa parte dos xogadores do equipo que, a temporada pasada como cadetes, tamén se fixeron un oco entre os mellores da provincia.
Os de Marcos Veiga resolveron sen dificultade o partido ante un Outeiro que tiña moitas baixas para esta última cita da primeira fase. O encontro púxose de cara para os visitantes xa no minuto cinco, cando Joel abriu o marcador. Os goles seguiron chegando ante un equipo rival moi mermado, que non tivo opción de engancharse ao partido. Así, ao descanso, o resultado era xa de 0-4. A diferenza seguiu ampliándose na segunda metade sen que o equipo local conseguise inquietar a portería rival.
O Castro sumou así a quinta vitoria consecutiva nun sprint final de Liga que o levou a entrar na cuarta praza por primeira vez a pasada xornada, e a certificar a clasificación nesta última.

 


 

A Residencia B rompe a súa xeira negativa cunha vitoria ante o Cospeito

 

RESIDENCIA B 5 – COSPEITO 1

A Residencia B volveu gañar despois de catro xornadas. Os branquiazuis sumaron os últimos puntos en xogo na primeira fase da competición ao vencer ao Cospeito na Cheda. Aínda que o dominio local se consolidou tras un primeiro cuarto de hora de igualdade, os de Adrián Suárez non conseguiron tomar distancia no marcador. Ceide desperdiciou dúas boas ocasións de gol, man a man contra o porteiro visitante, ante de que Sergio, nunha xogada individual, marcara o 1-0 co que se chegou ao descanso. O partido rompeouse no inicio da segunda metade, con tres goles branquiazuis en apenas quince minutos, que botaron definitivamente do partido ao Cospeito. Carlos maquillou o resultado, 4-1, antes de que Iago fixese o 5-1 nun córner.

 


 

Burela e Ribadeo comparten título tras un insólito empate a puntos e goles

 

POLVORÍN B 3 – BURELA 7

PONTENOVA 1 – RIBADEO 6

O Porto de Burela e o Ribadeo comparten o título de campións zonais. O man a man que mantiveron durante esta primeira fase non se decantou para ningún dos lados xa que, ademais de empatar a puntos -32-, un e outro equipo igualan no goleaverage global -47 goles a favor e 10 en contra- e no directo  -1 a 1 no único partido que disputaron nesta liga a unha volta-.  O Burela, que ata esta última xornada sempre tivo a favor o goleaverage, perdeu esa condición tras o partido do Polvorín onde os mariñaos  incurriron en certa precipitación na busca do gol, descoidando a faceta defensiva,  encaixando por primeira vez na Liga tres goles nun encontro. O Ribadeo mantivo mellor a orde no campo da Mina, onde marcou seis goles e xenerou ocasións para ampliar a renda.

 


 

Kluivert decidiu o partido en Xove

 

XOVE LAGO 1 – LOURENZÁ 0

O Xove remata o ano cunha inxección de moral ao vencer ao Lourenzá, equipo clasificado para disputar o Provincial. Os locais tiveron as mellores ocasións na primeira parte nas botas de Martín Hermida, pero o marcador non se moveu. No inicio da segunda metade o Lourenzá veuse arriba e puido adiantarse, pero foi Kluivert quen, cun tiro cruzado, tras un pase de Abraham nunha acción pola banda, decidiu o encontro disputado no Municipal de Xove.

 


 

Denís fixo o empate nos últimos minutos

 

FOZ 2 – FERROVIARIA B 2

Reparto de puntos entre Foz e Ferroviaria B nun partido igualado, con poucas ocasións, no que o marcador non se moveu ata a segunda metade. Mateo fixo o 0-1 para a Ferroviaria nun contragolpe ao pouco da reanudación, pero o Foz espertou para darlle a volta ao marcador con tantos de André, cun zurdazo, e Víctor Pérez. Nos últimos minutos do encontro  os visitantes foron a polo empate e lográrono cun tanto de Denís tras varios rexeites.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu