Burela e Residencia xuvenil, únicos invictos, comparten o liderado

En Principal, Provincial, Xuvenil, Xuvenil Autonómica

O Sagrado estrea a súa conta

 

SAGRADO CORAZÓN 2 – LOURENZÁ 0

O Sagrado Corazón confirmou as boas sensacións que deixaran os de Brais Rozados na primeira xornada pese a ceder os tres puntos ante a Milagrosa impoñéndose ao Lourenzá nas Gándaras.
Os capitalinos tiveron unha gran posta en escena coa que tomaron as rendas do partido ante un Lourenzá por debaixo do seu nivel, sobre todo ao longo da primeira parte na que o Sagrado puido sentenciar o encontro, pero só conseguiu unha mínima renda tralo un a cero de Júnior á media hora de xogo.
Tralo descanso o Lourenzá pareceuse máis a si mesmo, á vez que o Sagrado empezou a acusar o esforzo da primeira parte e quixo defender o marcador esperando unha contra ou unha acción a balón parado para sentenciar o partido.
Os dous equipos tiveron as súas opcións, pero o fútbol foi xusto nesta ocasión e recompensou ao equipo máis regular ao longo dos noventa minutos ao selar Rubén o 2-0 no de desconto.

 


 

A Residencia impúxose ao Palas no estreo de Iván Navia cos da Ulloa

 

RESIDENCIA A 5 – PALAS 0

A Residencia e Veloso eclipsaron o debut de Iván Navia co Palas. Os da Cheda non concederon opcións, e tras adiantarse no marcador por medio de Veloso na primeira parte puxeron terra polo medio nada máis empezar a segunda co dous a cero que asinou Artai e que foi a sentenza do Palas.
A partir de aí continuou a superioridade dunha Residencia que, da man de Veloso, con tres tantos máis para selar outro póker de goles esta tempada, sumou os tres puntos con autoridade para seguir no máis alto do Provincial xuvenil.

 


 

Un gol de Raúl no treito final deulle os tres puntos ao Castro no Pepe Barrera

 

RIBADEO 2 – CASTRO 3

Trala derrota na primeira xornada ante a Residencia o Castro sumou os tres primeiros puntos neste Provincial ante o Ribadeo no Pepe Barrera, nun partido moi disputado que puido caer para calquer lado.
Os chairegos poñianse cedo por diante grazas a un gol de Borja, el mesmo facía o 0-2 tamén na primeira parte, pouco antes de que Mauro recortara distancias na última xogada da primeira parte.
Na segunda Adrián Barrera empataba antes de que os mariñaos quedaran con dez, A expulsión foi clave no devir do encontro, xa que o Castro estivo máis enteiro nos últimos minutos e Raúl, cun disparo dende a frontal, asinou o definitivo 2-3.

 


 

O Burela remata coa imbatibilidade da Milagrosa e dedícalle a vitoria a Rubén 

 

PORTO BURELA 6 – MILAGROSA 2

Once partidos sen perder levaba esta tempada a Milagrosa, que viu como a xeira remataba na Marosa, co Burela como verdugo. Os de Oke impuxéronse aos da Frigsa e comparten liderado coa Residencia.
Os locais saíron enchufados dende o comezo e, pese a non xerar ocasións, levaron o peso do encontro durante primeira parte para facer dous goles practicamente seguidos antes do descanso.
Na reanudación Yago fixo cedo o 3-0 e a partir de aí a Mila gozou dos seus mellores minutos, recortou distancias e incluso puido facer máis goles. Pero o Burela levou o partido ao seu terreo para facer tres goles máis antes de que Losada asinara o definitivo 6-2.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu