Ayman asinou a primeira vitoria

En Liga Galega Infantil, Liga Galega Norte, Principal

Un solitario gol do nove deulle ao Lugo os tres primeiros puntos ante un Oroso correoso na posta de largo nas Gándaras

O Lugo debutou na Liga Galega infantil sumando os tres primeiros puntos en xogo ante o Xuventude Oroso nas Gándaras.
O conxunto dirixido por Dani Galán e Covi aínda está en plena fase de adaptación á categoría e ás novas incorporacións nun persoal aínda sen pechar que afrontou o encontro coas ausencias de Moha e Nico.
O debut foi esixente, xa que o Xuventude Oroso vendeu cara a derrota cun equipo máis físico que o lucense, que tivo que poñerse o mono de traballo e aproveitou a súa maior calidade individual para desnivelar o marcador ao seu favor.
Marco, pola banda dereita, e o debutante Migui, pola esquerda, intentaron darlle profundidade ao equipo dirixido no medio do campo por Antón, como eixe principal, e a mobilidade de Rosón e Iker.
O Lugo chamou á porta do gol cunha xogada que naceu en banda dereita cun desborde de Marco, que puxo un bo centro que Ayman non puido rematar en primeira instancia desde dentro da área, mentres que o rexeitamento foi para Iker, pero o seu remate chegando desde segunda liña marchouse rozando a madeira.Pouco despois, xa ao borde do descanso, Ayman deu na diana ao romper o cero a cero inicial cun gol de nove tras un gran reverso na área.
Na segunda parte, o Lugo acusou máis as altas temperaturas e o alto ritmo marcado na primeira metade. O Oroso aproveitou o seu maior físico para gañar terreo pero os lucenses nunca renunciaron ao ataque e a punto estiveron de culminar algunha contra coa que puideron sentenciar o encontro.
Nos minutos finais, pola igualdade no marcador, o Lugo tivo que tirar de solvencia para asinar os tres primeiros puntos en xogo que cargan o depósito da confianza nun equipo que aínda está lonxe da versión que pode chegar a ofrecer co paso das xornadas.

Próxima xornada
O Vitoria, que se impuxo con autoridade ao Riveira a domicilio por un gol a seis na xornada inaugural, será o próximo rival dos lucenses, nun duelo de alturas no que os de Dani Galán terán un duro test para medir as súas forzas cun dos aspirantes a estar no corte dos mellores no ecuador da competición.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu