Ata seis equipos optan ás dúas prazas para o Provincial a falta de dúas xornadas

En Grupo Norte, Xuvenil

O Porto Burela asaltou o liderado con suspense 

RESIDENCIA 1 – BURELA 3

O Porto de Burela levouse os tres puntos da Cheda con máis suspense do esperado, incluso vendo o transcurso do encontro, xa que pese a ser superiores a Residencia B chegou con opcións de vitoria ao último cuarto de hora tras empatar momentaneamente o encontro Plas.
Con esta vitoria e aproveitando a xornada de descanso o Porto de Burela é o novo líder do Grupo Norte, empatado a puntos co Ribadeo a falta de dúas xornadas. O empate a un entre ambos determinará, se non hai sorpresas, que o campión sairá da maior diferenza de goles, algo que a falta de dúas xornadas ten a favor o Porto de Burela por tan só dous tantos no global.
Na Cheda os mariñanos levaron o peso do encontro ante unha Residencia B ben ordenada en repliegue e que buscaba as contras para xerar perigo.
Ao cuarto de hora chegou o cero a un, un gol que subiu ao marcador Iago. Mentres que antes do descanso os capitalinos estiveron a piques de empatar cunha contra perigosa que non puideron finalizar ante Diego.
Tralo descanso mantívose o guión dos primeiros corenta e cinco minutos ata que Plas empatou o encontro a falta dun cuarto de hora.
ÓBurela entráronlle as présas e a Residencia B viuse con opcións de puntuar e ata gañar, pero Iván puxo de novo por diante ao Burela ao rematar un saque de esquina e Borja sentenciou o encontro a falta de cinco minutos co un a tres final ao culminar o nove mariñao unha boa xogada individual.

 


 

Reparto de puntos nun derbi xogado   co pase á segunda fase no horizonte

 

FOZ 1 – LOURENZÁ 1

Reparto de puntos entre Foz e Lourenzá tras un partido igualado, en que as defensas se impuxeron aos ataques. O equipo local adiantouse cun gol de Xavi nunha acción de estratexia, pero aos poucos minutos Javi fixo o empate dos laurentinos, co que se chegaría ao descanso. De cara á segunda metade, os visitantes trataron de buscar máis profundidade ante o eficaz repregamento do Foz, que evitou así que o Lourenzá atopara espazos á espalda da defensa. Os de Diego Rego non deron coa tecla e, de feito, as súas opcións máis claras na segunda parte foron dous goles anulados por fóra de xogo. Os laurentinos terán a clasificación asegurada se gañan o próximo partido en Santa Cruz, o Foz debe sumar os seis puntos que quedan, ou agardar que o Viveiro falle.

 


 

O Castro remontou o 3-0 en media hora

 

POLVORÍN B 3 – CASTRO 5

O Castro remontou en apenas media hora o 3-0 do Polvorín e enlazou o seu terceiro triunfo. Ata daquela, os de Marcos Veiga, que están na mellor xeira de resultados desde o inicio de Liga, tiveran o balón, e o Polvorín B a efectividade. O 3-1 foi un punto de inflexión no partido que, a partir dese momento, so tivo un equipo sobre o terreo de xogo en Montirón.

 


 

O Viveiro mantén a loita polo Provincial

 

VIVEIRO B 6 – COSPEITO 0

Vitoria cómoda do Viveiro, que marcou e creou ocasións para ampliar o marcador no Cembedo. Cos tres puntos os de Lorenzo manteñen as opcións de entrar no Provincial. Os celestes, que xogan a vindeira semana o último partido da primeira fase, contra o Ribadeo, teñen que gañar e agardar que o Foz falle nos dous encontros que ten por diante.

 


 

O Xove brindoulle o triunfo ao capitán

 

XOVE LAGO 6 – OUTEIRO 0

A eficacia, que tanto botou de menos noutros encontros, acompañou ao Xove. Os de Bruno, que abriron o marcador no minuto dez,  marcaron case en cada chegada ante o Outeiro, ao que xa gañaban catro cero  ao descanso.

 


 

Diego salvou os tres puntos

 

PONTENOVA 2 – FERROVIARIA 1

A Pontenova deulle a volta ao 0-1 co que se chegou ao descanso tras sacar ao campo aos xogadores máis habituais na titularidade. Gabri, Fran e Cristian, que comezaron no banco, cambiaron o guión da primeira parte, na que a igualdade foi a tónica. Con todo, o heroe da vitoria na Mina foi Diego, que parou o penalti que puido ter levado o empate ao marcador a pouco para o final do partido.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu