5 equipos do Grupo Sur xuvenil con opcións na última xornada

En Grupo Sur, Principal, Xuvenil, Xuvenil Autonómica

O Sagrado Corazón acaricia o Provincial

 

SAGRADO CORAZÓN 3 – SAN ROQUE 0

Matematicamente non está nada dito, pero o certo é que moi mal se terían que dar as cousas para que o Sagrado non estivera na loita polo Provincial. Os de Brais Rozados son terceiros con 18 puntos e dependen de si mesmos na última xornada, na que aínda perdendo poderían certificar o seu pase.
Os branquiazuis sabían da importancia do partido contra o San Roque, por iso saíron concentrados dende o inicio e así se adiantaron cando aínda non transcorrera nin un minuto de encontro, nun balón ao espazo para Gundín, que batía no man a man a Manu.
O gol tempraneiro pesoulle aos visitantes, que non atoparon os espazos fronte a un Sagrado, cómodo co resultado a favor, que aproveitaba mellor as súas ocasións. Así, pouco antes do descanso Gundín remataba outro pase ao oco para facer o 2-0.
Na segunda metade o guión non variou, o Sagrado fíxose forte en defensa para asegurar o resultado e deixou que pasaran os minutos ata o 85 de xogo, cando Róber selaba o definitivo 3-0 ao finalizar un man a man.
Tralo parón nas Ligas Provinciais o Sagrado visitará á Sarriana na derradeira xornada da primeira fase para selar o seu pase ao Provincial. Este foi o último partido do San Roque no Grupo Sur, xa que a última é a súa xornada de descanso.

 


 

Pese á vitoria, o Polvorín ten moi complicado estar na seguinte fase 

 

TABOADA 0 – POLVORÍN 4

Os de Kubala necesitan un milagre na última xornada para estar no Provincial, xa que aínda gañando á Residencia, necesitarían dos pinchazos de Monterroso e Palas e superalos ao mesmo tempo no gol average. Os amarelos non tiran a toalla como non o fixeron en Taboada, nun dos partidos máis serios do que vai de tempada no que, con paciencia, souberon controlar os tempos para desarbolar á defensa local, moi ordenada ata o 0-2 de Miguel, xa na segunda metade. A partir de aí David e Bilal, que xa fixera o primeiro antes do descanso, redondearon o resultado.

 


 

Trala vitoria en Becerreá, a Milagrosa xa ten o seu billete para o Provincial

 

BECERREÁ 1 – MILAGROSA 2

No partido no Municipal de Becerreá que se xogou o pasado mércores a Milagrosa conseguiu a vitoria que lle dá o pase á segunda fase. Un encontro igualado que puido caer para calquer lado e no que os da Frigsa suaron para conseguir os tres puntos.
O Becerreá saíu mellor ao terreo de xogo e tivo opcións para poñerse por diante, pero sería Fran, cun lanzamento de falta directa, o que adiantara aos albivermellos ao final da primeira parte.
Na segunda repetiuse a tónica do inicio do encontro, pero a efectividade da Mila golpeaba de novo co 0-2, obra de Martín. A quince para o final Santín recortaba distancias, e pese a intentalo os locais ata o final, o resultado xa non se movería.

 


 

A Resi, a un punto do título zonal

 

RESIDENCIA 2 – QUIROGA 0

Os de Dani Galán conseguiron a sétima vitoria no que vai de tempada ante o Quiroga. Os da Cheda conseguiron superar a ordenada defensa visitante e os goles de Gabri na primeira parte e de Fonseca na segunda déronlles os tres puntos. Na derradeira xornada a Resi xogarase o título zonal ante o Polvorín. O Quiroga pechará a súa participación ante o Becerreá.

 


 

O Monterroso loitará ata o último alento

 

MONTERROSO 4 – SARRIANA 2

O Monterroso mantense con vida de cara á última xornada, que terá lugar despois da ponte da Constitución. Trala vitoria ante a Sarriana, con catro goles de Javi, e de deixar aos da Ribela practicamente fóra da loita por entrar no corte do Provincial,  os de Alberto están obrigados a  gañar na última xornada na Frigsa á Milagrosa, xa clasificada, e agardar que o Palas non o faga ante o Taboada.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu