Apértase a loita pola promoción no cadete Provincial

En Cadete, Principal, Provincial

Semana clave para a Residencia

 

RESIDENCIA 3 – SAGRADO CORAZÓN 0

A Residencia volve ser segundo na clasificación cun partido menos que os seus principais rivais. Os da Cheda xogarán o mércores na Ribela contra a Sarriana, nun encontro que se presume determinante para coñecer as súas aspiracións neste Provincial cadete.
De gañar, situaríanse a dous puntos do líder, unha Milagrosa que aínda ten que pasar pola Cheda, mentres que unha derrota deixaríaos na loita con Castro e Ribadeo polo segundo posto, tendo en conta que na última xornada hai un duelo directo, Ribadeo – Residencia.
Ante o Sagrado os de Adrián Suárez encararon o partido con moitas ganas e fixéronse co control desde os primeiros minutos, sometendo a un Sagrado que encaixou o un a cero cun remate de cabeza de Martín Bena tras un centro de Hernández. Marcos Sanfiz mantivo con opcións nesta primeira parte ao Sagrado con boas intervencións.
Na segunda metade as forzas estiveron máis igualadas, pero Martín Bena fixo o dous a cero tras unha acción ensaiada e o tres a cero chegou na recta final, por medio de Vilarín, ao culminar unha contra cando o Sagrado estaba envorcados en busca de recortar distancias.

 


 

O Polvorín segue demostrando  que chegou tarde a este Provincial 

 

POLVORÍN 3 – SARRIANA 1

Catro xornadas consecutivas sen perder para un Polvorín que se quedou descolgado moi pronto pero que, unha vez recuperada a súa mellor versión, está sumando con claridade. A última vitoria foi ante a Sarriana, nun partido no que Andrés fixo o un a cero ao cuarto de hora. Un gol que lle deu moita confianza aos locais, mentres que a Sarriana nunca chegou a atoparse cómoda en Montirón.
Na segunda parte Caballero meteu a tres infantís, Javi, Fer e Diego Arias, pero cando a Sarriana quixo reaccionar, tralo 2-1 de Abella, deixou moitos espazos que o Polvorín aproveitou para sentenciar á contra.

 


 

O Castro recuperou o pulso na segunda parte e mantense na pelexa

 

CASTRO 4 – XOVE LAGO 2

O Castro reaccionou a tempo ante unha boa versión do Xove Lago. Os de Raúl Morán estaban practicamente fóra da loita por meterse na fase de ascenso ao rematar a primeira parte, xa que ao descanso chegouse con cero a un tralo gol de Adrián Rodríguez cun lanzamento de falta directa.
A escaseza de rotacións castigou ao Xove na segunda parte, na que Marco fixo o empate e culminou a remontada asinando tamén o dous a un. O Xove esgotou as súas opcións por medio de Diego Fernández, que fixo o momentáneo dous a dous antes de que Kevin e un gol en propia porta lle desen os tres puntos ao Castro nunha gran segunda parte dos chairegos.

 


 

A Milagrosa continúa administrando a vantaxe e o Ribadeo segue na loita

 

SD RIBADEO 1 – MILAGROSA 1

Ribadeo e Milagrosa mantéñense na loita polos seus principais obxectivos de cara ás tres últimas xornadas tras medirse nun partido no que os mariñaos empezaron mellor. Pero o líder fixo valer a súa condición, sobre todo ao comezo da segunda parte, aínda que os de Madriles atopáronse con Iñaki, porteiro infantil que foi o mellor xogador o encontro con varias paradas de moito mérito.
Hugo adiantou ao Ribadeo na primeira parte tras un saque de esquina, e ao descanso chegouse con un a cero. Xa na segunda a Milagrosa deu un paso á fronte. Iñaki evitou o empate cunha gran intervención ao comezo, pero Neira atopou o camiño do gol. O Ribadeo aguantou o empuxe visitante e soñou coa vitoria, cun remate no último minuto de Roi que se foi fóra por pouco.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu