A Residencia xa é campión do Provincial xuvenil

En Principal, Provincial, Xuvenil, Xuvenil Autonómica

O Palas sobe ao segundo posto

 

MILAGROSA 0 – PALAS 2

A vitoria dos de Luis Mato e a derrota do Porto Burela dá a segunda plaza aos da Ulloa a falta de catro xornadas para o remate da competición, coa Residencia xa como campioa do Provincial. A Mila tras esta derrota quédase a dous puntos dos de Oke, que son terceiros e ademais teñen o gol average a favor cos albivermellos.
O encontro na Frigsa non se resolveu ata a segunda metade, xa que na primeira a igualdade e o respecto entre ambos equipos mantívose ata o descanso, con algunha tímida chegada en cada área.
A clave foi o gol de Navia xusto na reanudación, a partir de aí o Palas posicionouse ben en defensa e desarbolou as chegadas da Milagrosa por medio de Martín e Álvaro.
O definitivo 0-2 chegaba a balón parado, un córner botado por Pablo que remataba Unai de cabeza a vinte minutos para final, tempo no que os de Luis Mato souberon manter o resultado sen apuros.

 


 

O Sagrado encarrila dúas vitorias consecutivas por primeira vez no Provincial

 

SAGRADO 4 – CASTRO 0

Os de Brais Rozados atópanse nun gran momento de forma e así o demostraron o sábado no Rodriguez Lago ante un Castro que foi capaz de competir durante os primeiros trinta minutos, pero a partir de aí acusou a superioridade física dos branquiazuis, que se adiantaron cun gol de Gundín. Xusto antes de descanso Emiliano encarrilaba o encontro co 2-0, mentres que na segunda parte Gundín selaba un doblete na súa conta particular antes de que Róber transformara un penalti que supoñía o definitivo 4-0 e o cuarto triunfo do Sagrado Corazón no Provincial.

 


 

A Residencia proclámase campioa do Provincial a catro xornadas para o final

 

RIBADEO 1 – RESIDENCIA 2

Os tres puntos conseguidos polos de Dani Galán no complicado campo da Devesa, cun gol de Conde no último suspiro, e a derrota do Porto Burela ante Lourenzá fan da Residencia o equipo campión do Provincial xuvenil 2017/2018 cando aínda restan catro partidos para que termine a competición. O Ribadeo non lle puxo as cousas fáciles aos branquiazuis, xa que pese a que se adiantaban ao comezo da segunda metade, Adrián Barrera devolvía as taboas pouco despois. Pero unha gran xogada de Lucas por banda no minuto 89 remataba nun centro ao segundo pau que aproveitaba Conde para facer o definitivo 1-2.

 


 

Luis deu os tres puntos ao Lourenza ante un Burela irrecoñecible 

 

PORTO BURELA 0 – LOURENZÁ 1

Os de Diego Rego conseguiron a súa segunda vitoria no Provincial ante un Burela que tan só gañou un encontro dos últimos seis, aínda que pese a iso segue de cheo na loita polos postos de ascenso, na terceira posición que lle daría unha praza na Fase.
O Lourenzá pola súa banda xogou na Marosa un dos mellores partidos da tempada, dominando dende os primeiros minutos e con ocasións para adiantarse xa na primeira metade. Pese a iso ao descanso chegouse con 0-0 no marcador e sería Luis, ao aproveitar unha contra, o autor do solitario gol que lle chegaba aos laurentinos para non pasar apuros ata o asubío final e facerse cos tres puntos.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu