A Residencia marca a súa folla de ruta

En Infantil, Liga Galega Infantil, Principal

Pese a derrota os de Kaiser ofreceron un gran nivel e incluso se adiantaron dúas veces no marcador nas Gándaras

A derrota da Residencia nas Gándaras ante o Conxo-Santiago non empañou o bo debut dos de Kaiser como locais esta tempada na Liga Galega infantil.
Os branquiazuis marcaron a folla de ruta a seguir, na que deben pulir certos detalles que nesta categoría marcan a diferenza no marcador final. Con todo, demostraron que os cementos están sólidos para poder crecer co paso das xornadas.
A superioridade física dos compostelanos quedou reducida pola intensidade da Residencia desde o inicio do encontro, dispoñendo nada máis empezar Manu Ferreiro dunha ocasión coa que iniciou o seu recital no medio campo.
Pouco despois, ao fío do cuarto de hora de xogo, Julio inaugurou o marcador co un a cero cunha precisa vaselina tras pase de Álex. A Residencia animouse e ata acariñou o segundo ante un Conxo Santiago que non atopaba o modo de meterlle man aos de Kaiser.
Co descanso á vista chegou o empate a un. Nunha das últimas accións da primeira parte o Conxo Santiago empatou cun lanzamento de falta que se coou pola esquina da portería.
No descanso, a Residencia repúxose do gol psicolóxico encaixado e volveu tomar o mando no marcador ao transformar Erik un penalti cometido sobre Julio, un pesadelo para a defensa compostelá ao longo do encontro.
Con media hora por diante o maior potencial físico dos visitantes empezou a facerse notar, especialmente en accións a balón parado, chegando deste xeito o empate tras un remate logo dun saque de esquina.
Na recta final a moeda caeu cruz para a Residencia, que dispuxo de ocasións para gañar, aínda que o acerto acaparouno o conxunto rival ao levarse os tres puntos cun gol na recta final do encontro, que para nada desluce o bo traballo da Residencia.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu