A Residencia xuvenil xa é líder en solitario

En Principal grande, Provincial, Xuvenil, Xuvenil Autonómica

Golpe de autoridade na Cheda

RESIDENCIA 5 – P. BURELA 2

O conxunto branquiazul xa comanda a clasificación como único equipo invicto da Liga Autonómica xuvenil, contando os seus partidos por vitorias. A última ante o Burela, que ata entón tamén sumaba tódolos puntos posibles, pero os de Dani Galán fixéronse fortes na Cheda para deixar o encontro practicamente sentenciado xa na primeira parte.
De inicio os mariñaos entraron mellor no partido e adiantáronse por medio de Yago, nunha xogada a balón parado. Pero a partir de aí o conxunto de Oke deu un paso atrás, o que aproveitou a Resi para facerse dona do coiro. Co 1-1 de Fonseca o dominio dos branquiazuis aumentou e, antes do descanso, Veloso e Artai facían dous goles máis que daban moita tranquilidade aos locais.
Tralo descanso o Burela subiu liñas para intentar meterse de novo no partido, pero o 4-1 de Veloso sentenciaba definitivamente o encontro. Antes do asubío final Fonseca transformaba un penalti cometido sobre el mesmo e Borja maquillaba un pouco o marcador co 5-2.

 


 

Álex mantén á Milagrosa en liña ascendente

CASTRO 0 – MILAGROSA 1

Os albivermellos soben ao terceiro posto da clasificación grazas á vitoria no Municipal de Castro e tamén ao aprazamento do encontro que enfrontaba a Palas e Lourenzá. Así, os de Couso están en postos de promoción por riba dos de Luis Mato, cun partido menos.
O solitario gol de Álex no minuto 19 da primeira parte, que aproveitaba un rexeite nun córner para disparar dende fóra da área, foi suficiente renda para o resto do encontro.
A partir de aí o Castro gañou intensidade e foise en busca do gol que os metera no partido, sobre todo tralo paso polos vestiarios. Raúl tivo a máis clara para os chairegos, cun disparo que se estrelou no pau, mentres que a Milagrosa buscou a sentenza á contra. Pese ás ocasións dun e outro lado o marcador non se movería.
A vindeira fin de semana a Milagrosa recibe á invicta Residencia no López Gorgoso. O Castro, pola súa banda, visita ao Lourenzá en Santa Cruz.

 


 

Júnior asinou a vitoria do Sagrado no desconto

 

RIBADEO 1 – SAGRADO C. 2

Nun partido con dúas metades moi diferenciadas os de Brais Rozados sumaron os tres puntos no Pepe Barrera grazas ao gol de Júnior no tempo engadido. Pola súa banda, ao Ribadeo non lle sorrí a sorte nesta segunda fase, na que aínda non puntuou pese a facer méritos, sobre todo neste último encontro.
O Sagrado fixo o mellor fútbol do que vai de tempada na primeira parte, na que se poñía por diante cun tanto de Róber. Na segunda os locais fóronse a polo partido e Cube, de falta directa, devolvía as taboas ao marcador.
Tralo empate o Ribadeo mostrouse superior e gozou das mellores ocasións para remontar o encontro, pero a fortuna de cara a gol deulle as costas aos de Salva, que case daban por bo o 1-1 co tempo cumplido. Sería entón cando, nunha rápida transición, Júnior aproveitara un rebote para selar o 1-2. No último suspiro Borja aínda puido sacar un punto para os mariñaos, pero o control na área pequena fóiselle longo.

 

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu