O Provincial xuvenil axustase de cara a recta final

En Principal, Provincial, Xuvenil

O Sagrado puntúa na Cheda

 

RESIDENCIA 2 – SAGRADO 2

O Sagrado é o primeiro equipo que fai perder puntos aos de Dani Galán neste Provincial. O conxunto das Gándaras acumula así tres partidos consecutivos sen perder e, a falta de tres xornadas, están a catro puntos do Palas, equipo que marca o corte da promoción e ao que se enfrontan no seu penúltimo encontro desta fase.
No encontro da Cheda o Sagrado, coas tres liñas moi xuntas, esperaba o erro local. Así, adiantáronse na primeira chegada que tiveron, no minuto cinco. A partir de aí a Resi fíxose co dominio de balón, pero sen ocasións ata o empate de Artai a falta de quince para o descanso.
Na segunda metade Miguel selaba o seu doblete ao aproveitar outro erro defensivo da Res, pero os de Galán chegaron mellor aos minutos finais e Veloso, tras dúas xornadas sen marcar, volvía atopar o camiño do gol para selar o definitivo 2-2 no 85 de partido.

 


 

O Porto Burela volve gañar tras dúas xornadas e recupera a segunda praza

 

CASTRO 2 – PORTO BURELA 3

Os de Oke volven sorrir logo da vitoria en Castro, un partido no que os mariñaos chegaron a poñerse 0-3, pero que remataron sufrindo nos minutos finais.
De inicio o Castro apertou aos burelaos, que se adiantaron grazas a un gol de Borja ao anticiparse a Prieto na saída. De aí ao descanso os locais buscaron o gol e ata enviaron un balón ao pau.
Na segunda parte Andrés ampliaba a distancia e Yago facía o 0-3. Pero tralos cambios o porteiro suplente do Burela viu tarxeta vermella por mans fóra da área e o Castro recortou distancias nesa falta. O 2-3 chegou xa no tempo de desconto, e pese a terminar encerrados na súa área, o conxunto mariñao conseguiu sumar de novo de tres en tres.

 


 

O Lourenzá suma dúas semanas sen perder e deixa á Mila a tres da promoción

 

LOURENZÁ 2 – MILAGROSA 2

O conxunto laurentino acadou un empate ante a Milagrosa, que chegou a Santa Cruz con tan só un cambio, o cadete Marco.
Aos da Frigsa custoulles adaptarse ao terreo de xogo nunha primeira parte disputada na que o Lourenzá golpeaba primeiro grazas aos goles de Aksay e Javier, aínda que xusto antes do descanso Losada recortaba distancias cun golazo dende fóra da área. O propio Losada facía o 2-2 na reanudación, e pese a que ambos equipos buscaron o gol que lles dera os tres puntos, o marcador xa non se movería.

 


 

Un hat trick de Adrián Barrera dá a vitoria ao Ribadeo e complica ao Palas

 

RIBADEO 3 – PALAS 2

O Ribadeo soubo aproveitar a mala primeira parte do Palas e dous erros defensivos dos da Ulloa para encarrilar o partido antes do descanso, con dous goles de Adrián Barrera.
Tralo paso polos vestiarios o Palas recuperou a súa mellor versión e conseguiu empatar cos goles de Pol e Xesús. pero unha boa xogada por banda do mariñao Álex remataba cun pase atrás que aproveitaba Adrián para facer o terceiro do Ribadeo e da súa conta persoal. De aí ao final o conxunto visitante tivo ocasións para empatar, pero Javi Prieto mostrouse moi seguro baixo paus.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu