A Resi gaña en Ribadeo e loitará polo ascenso cadete xunto coa Milagrosa

En Cadete, Cadete Autonómica, Principal, Provincial

O que pega primeiro, pega dúas veces

 

POLVORÍN 2 – CASTRO 3

O Castro quedouse cos últimos tres puntos en xogo no Provincial cadete no duelo que lles mediu co Polvorín. Os de Raúl Morán fixeron bo o devandito de que o que pega primeiro pega dúas veces nun encontro cunha parte para cada equipo.
Os chairegos foron mellores nos primeiros corenta minutos, nos que Miguel inaugurou o marcador e Marco, cun gran disparo desde fóra da área, ampliou a vantaxe ata o cero a dous á media hora de partido en Montirón.
O Polvorín agarrouse á loita polos puntos ao recortar distancias Michi tras unha falta lateral antes do descanso, no que Caballero chamou a filas aos seus xogadores e estes deron un cambio radical de cara aos segundos corenta minutos.
Pese a iso, o Castro fixo o un a tres moi pronto por medio de Raúl Díaz. A partir de aí o Polvorín iniciou un asedio sen derruba á portería do Castro, pero tan só Diego Torres, á saída dun córner, atopou o camiño do gol.
Ao final, vitoria para un Castro que quere seguir sendo protagonista esta tempada, agora cunha boa participación na Copa tralo éxito de clasificarse para o Provincial.

 


 

Diego Fernández dirixiu a remontada dun Xove que xa pensa na Copa

 

XOVE LAGO 5 – SAGRADO 3

Diego Fernández, o máximo goleador cadete Provincial, dirixiu a remontada do Xove Lago no último encontro desta fase que mediu aos de Iravedra cun Sagrado Corazon que levou a iniciativa no marcador ata o sprint final.
Jony Rodríguez fixo o cero a un moi pronto e, tras empatar Samuel, Duán fixo o un a dous, pero ao descanso chegouse con empate tralo primeiro gol de Diego Fernández. Xa na segunda parte Nico volveu adiantar ao Sagrado, pero Marcos iniciou a remontada que culminou Diego Fernández con dous goles para selar o seu hat trick particular.

 


 

A Residencia remonta e asalta unha praza de ascenso no Pepe Barrera

 

RIBADEO 1 – RESIDENCIA 2

A Residencia xogará a fase de ascenso. Os da Cheda sacaron o último billete que estaba en xogo nun duelo directo no Pepe Barrera, onde ao Ribadeo valíanlle dous dos tres posibles resultados, pero deuse o único que os deixaba fóra.
O encontro empezou ben para os mariñaos co un a cero de Casanova aos seis minutos. Con todo, a reacción capitalina non se fixo esperar e García fixo acto seguido o un a un, mentres que Cancio asinou a remontada antes da media hora inicial. A partir de aí, máis intensidade que fútbol, a Residencia fíxose forte e o Ribadeo morreu á beira ao quedarse a un gol de disputar a fase de ascenso.

 


 

A Milagrosa coñecerá esta tarde ao seu rival por un posto en Liga Galega

 

MILAGROSA 3 – SARRIANA 1

A Milagrosa chega en forma á cita máis importante do ano, na que se xogará o ascenso á Liga Galega cadete en oitenta minutos. Os de Madriles despediron o Provincial con bo sabor de boca tras impoñerse á Sarriana nun partido con baixo ritmo e no que Marco e Xoel levaron o marcador ata o dous a cero ao descanso. Na segunda parte Álex recortou distancias, pero David fixo o tres a un final nas Gándaras,  tras un saque de esquina.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu