A Milagrosa proclámase campioa do Grupo Norte cadete

En Cadete, Cadete Autonómica, Grupo Norte Cadete Autonómica

Vitoria da Residencia no duelo de filiais

 

RESIDENCIA B 3 – RC VILLALBÉS B 1

A Residencia B quedouse cos tres puntos en xogo na Cheda ante o Villalbés B no duelo de filiais da xornada. Os capitalinos exhibiron o seu bo momento de forma co que suman tres vitorias consecutivas coas que ascenden ata o quinto posto da clasificación a falta dunha xornada.
De inicio o encontro estivo marcado polas baixas temperaturas, o que propiciou un ritmo baixo desde os primeiros minutos nos que a igualdade foi máxima no xogo.
Noel adiantou aos chairegos ao filo do cuarto de hora inicial tras unha falta lateral, pero antes do descanso, del Olmo fixo o un a un ao culminar un man a man ante Óscar.
Tralo descanso a Residecia B deu un paso á fronte e aproveitou os erros do seu rival. Rubén culminou a remontada poñendo o balón na escuadra tras un pase desde a liña de fondo.
O Villalbés B volveuse en busca do empate con defensa de tres suscitada por Roberto Freire, pero no tempo de desconto Samuel sentenciou o encontro co definitivo tres a un con outro gol de bela factura, nesta ocasión ao bater a Óscar cunha precisa vaselina.
Na última xornada a Residencia B medirase co Polvorín B e o Villalbés B recibirá a unha Milagrosa que xa é campioa zonal.

 


 

A Milagrosa acudirá ao Provincial como campioa do Grupo Norte

 

MILAGROSA 6 – PORTO BURELA 1

A Milagrosa alzouse co título zonal cadete Norte tras impoñerse en Frigsa ao Porto de Burela nun partido marcado polo un a cero, que chegou no primeiro minuto de partido. A partir de aí a Milagrosa levou o peso do xogo e ampliou a diferenza antes do descanso co dous a cero.
Xa na segunda parte, pese a que o Porto de Burela estivo ordenado ao comezo, tras encaixar dous novos goles os mariñaos baixaron os brazos.
Ao final a diferenza foise ata o seis a un co que a Milagrosa proclamouse campioa zonal. De cara á última xornada a Milagrosa medirase co Villalbés B e o Porto de Burela recibirá na Marosa ao Xove Lago sen que ningún equipo se xogue nada a nivel clasificatorio.

 


 

Ao Lourenzá aínda lle saen as contas

 

XOVE LAGO 2 – LOURENZÁ 2

O Lourenzá terá que gañar ao San Ciprián na última xornada e esperar que o Castro non o faga en Ribadeo para estar entre os catro primeiros e disputar o Provincial cadete. Os de Edu deixáronse dous puntos en Xove nun gran encontro no que os de Iravedra adiantáronse con 2-0 no marcador, pero o Lourenzá remontou e ata se puido levar os tres puntos na recta final dun encontro vistoso para o público e disputado con moita deportividade.

 


 

Admirable sprint final deste Foz

 

FOZ 9 – POLVORÍN B 0

Cuarta vitoria consecutiva para un Foz que chega á última xornada do Grupo Norte cadete  con remotas opcións de clasificarse para o Provincial. Para iso necesitarían unha avultada vitoria en Viveiro B nunha última xornada na que ademais deberían perder Castro e Lourenzá. Á marxe dos números o tramo final dos de Asier está sendo espectacular do mesmo modo que o é a evolución do equipo desde o inicio da competición.

 


 

O Ribadeo será un dos equipos a bater

 

SAN CIPRIÁN 0 – RIBADEO 7

O Ribadeo estará no próximo Provincial cadete e será un dos equipos a bater na loita polo título e por unha das dúas prazas que estarán en xogo para a fase de ascenso á Liga Galega. Os de Coto impuxéronse na Veiga a un San Ciprián que mellorou respecto de pasadas xornadas pero tivo en fronte a un equipo moi sólido e serio, que sentenciou o encontro con seis dos sete goles nos primeiros corenta minutos de partido.

 


 

A 80 minutos de acadar o obxectivo

 

CASTRO 9 – VIVEIRO B 0

O Castro está a un só partido de clasificarse para o Provincial cadete. Os de Raúl Morán farano se gañan en Ribadeo na última xornada ou se igualan os resultados de Lourenzá e Foz. O importante é que tras catro vitorias consecutivas, a última ante o Viveiro B nun partido marcado polo físico e a necesidade de puntos dos chairegos, o Castro chega á última cita dependendo de si mesmo.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu