A Milagrosa toca o ceo en Abegongo

En Cadete, Cadete Autonómica, Fase de Ascenso, Principal

AMISTADE – MEIRÁS 2 – MILAGROSA 2

A Milagrosa volve á Liga Galega cadete. O equipo de Madriles logrou o ascenso pola vía máis rápida, impoñéndose ao Amistade-Meirás nunha eliminatoria que dominaron nos oitenta minutos de xogo, pero que se decidiu nunha longa quenda de penaltis.
A presión non incomodou aos lucenses, que foron superiores durante todo o encontro malia comezar cun gol en contra no minuto dous. Os da Frigsa non deron máis respiro aos coruñeses, e antes do minuto cinco xa crearan dúas ocasións para darlle a volta ao partido, en accións que acabaron en goles anulados a Buján e Andrés.
O asedio da Milagrosa continuou, pero foi o Meirás quen conseguiu ampliar a renda. Do seu segundo achegamento á área desde o inicio do partido, os coruñeses sacaron un penalti que transformaron no 2-0. A partir dese momento, atrincheiráronse tratando de evitar un gol que se resistiu ata o extremo, pero que chegou, nas botas de Buján, ao fío do descanso.
A segunda parte foi un monólogo dos de Madriles, que embotellaron ao rival na busca do empate, mantendo a orde para evitar algunha sorpresa máis en contra e botándose arriba intentando non caer no nerviosismo.
Un goteo continuo de balóns á área facía previsible que a Milagrosa lograse axiña o empate.
Xoel dispuxo da ocasión máis clara nun tiro que detivo o porteiro local, demorando un gol que non chegaría ata o minuto 80. Neira controlou un dos últimos balóns colgados na área rival e marcou o 2-2, forzando unha agónica quenda de penaltis, con premio final para os lucenses.
A vindeira temporada a Liga Galega cadete volverá facer parada no campo da Frigsa.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu