A Milagrosa novo campión Provincial cadete

En Cadete, Cadete Autonómica, Principal grande, Provincial

A Milagrosa xa é Campión Provincial

 

RESIDENCIA 0 – MILAGROSA 3

A Milagrosa xa é campión Provincial cadete, polo que está a un só partido, que se xogará en campo neutral con outro campión provincial, do ascenso á Liga Galega cadete. De perder esta final, os de Madriles tomarían o camiño máis longo para dar o salto de categoría. Un camiño que espera percorrer a Residencia, pero para iso os de Antonio Gómez terán que facer escala en Ribadeo e saír cos tres puntos para disputar a fase de ascenso.
En Frigsa, a Residencia empezou mellor e puido adiantarse no marcador por medio de Vilariño, que dispuxo de dúas claras ocasións. Con todo, a Milagrosa demostrou porque é o campión e coa lei do mínimo esforzo conseguiu adiantarse no marcador cun gol que asinou Xoel Álvarez ao aproveitar un rexeite tras un saque de banda.
Tralo descanso a pegada da Milagrosa foi demoledora, xa que sen apenas xerar perigo os de Madriles fóronse no marcador ata o cero a tres cos goles de Neira e Buján.
Con todo en contra, a Residencia non deixou de loitar e tiveron ocasións dabondo para poder recortar distancias e meterse no partido. pero o balón non quixo entrar, a Milagrosa alzouse co título e os branquiazuis irán a Ribadeo a xogarse o pase a unha soa carta.

 


 

Vitoria do Polvorín nun encontro gris ante o Sagrado Corazón 

 

SAGRADO 2 – EF POLVORÍN 3

O Polvorín levouse os tres puntos das Gándaras nun duelo no que nin os de Caballero nin os de Dani Díaz estiveron preto do seu mellor nivel.
Nunha das primeiras chegadas Diego Torres fixo o cero a un en posición dubidosa por fóra de xogo. O Sagrado reaccionou e empatou por medio de Jony Rodríguez, pero antes do descanso Andrés fixo o un a dous.
Xa na segunda parte, aos dez minutos, Diego Torres ampliou a vantaxe. A falta de vinte minutos Jony López fixo o dous a tres, pero nin con iso conseguiu darlle emoción ao encontro.

 


 

O Ribadeo empata en Castro, pero depende de si mesmo na última cita

 

CASTRO 1 – RIBADEO 1

O Ribadeo preséntase na última xornada dependendo de si mesmo, no cara ou cruz que xogará coa Residencia por estar na fase de ascenso á Liga Galega cadete. Aos mariñanos valeranlles dous dos tres posibles resultados, xa que o empate tamén os clasificaría tras perder os da Cheda coa Milagrosa.
En Castro o encontro non foi vistoso e ao descanso chegouse co cero a cero inicial. Na segunda parte Samuel fixo o cero a un, pero a falta de cinco minutos Marco selou o definitivo empate a un. Un resultado que deixa na man a clasificación do Ribadeo.

 


 

A Sarriana chega en forma á Copa e será un dos aspirantes ao título

 

SARRIANA 5 – XOVE LAGO 1

Nova vitoria da Sarriana. Esta última ante o Xove Lago na Ribela, onde os locais foron de menos a máis cun equipo marcado polas rotacións. Pese a iso os de Raúl puxéronse moi pronto con dous a cero no marcador.
Antes do descanso Diego Fernández recortou distancias cunha xogada persoal. Xa na segunda parte a igualdade durou os quince primeiros minutos, ata que a Sarriana fixo o terceiro.
O marcador terminouno de romper a entrada de Abella no terreo de xogo, autor dos dous últimos goles para selar o cinco a un final co que a Sarriana se impuxo ao Xove Lago.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu