Vitorias de San Ciprián, Burela, Residencia B, Lourenzá, Ribadeo e Milagrosa

En Cadete, Cadete Autonómica, Grupo Norte Cadete Autonómica

Vitoria sufrida do San Ciprián

VILLALBÉS B 2 – SAN CIPRIÁN 3

Primeira alegría para o San Ciprián que se impuxo ao Rácing Villalbés B na Magdalena. Os visitantes levaron os puntos tras un partido no que sempre foron por diante no marcador, pero no que acabaron contando os minutos para o final ante un Villalbés que tamén viu máis cerca que nunca o seu primeiro triunfo.
O San Ciprián adiantouse por dúas veces, con dous goles de Dani Gonçalves, pero os locais responderon con outros dous en xogadas moi similares nas que aproveitaron un saque rápido tras un córner en contra para sorprender aos rivais, e igualaron o encontro. O 2-3 chegou na segunda metade, a vinte minutos do final, nun balón que intercepta Xoel cerca da portería de Pedro e que el mesmo remata, nunha xogada illada cando o Rácing salvara os minutos de máis dos visitantes.


Nico liderou ao Porto de Burela na súa primeira vitoria esta tempada

POLVORÍN B 2 – BURELA 4

O Porto de Burela sumou tres puntos por primeira vez esta temporada tras impoñerse ao Polvorín B en Montirón. O partido comezou ben para os visitantes, que se adiantaron con dous goles de Nico pero, antes do descanso, Manu devolveu a igualdade ao marcador cun dobrete. O equilibrio mantívose ata o ecuador da segunda metade, pero os avisos máis serios estabaos dando o Burela en accións á contra, nas que  Nico era a referencia. Así, o dianteiro acabou desnivelando a balanza con dous goles máis en accións individuais nas que impuxo a súa velocidade e finalización.


Todo dito na primeira metade

FOZ 1 – RESIDENCIA B 2

A Residencia volveu á senda da vitoria en Foz. Como sucedera nas  dúas últimas xornadas,  nas que saíron derrotados, os branquiazuis comezaron o encontro con mal pé, encaixando un gol no primeiro minuto, pero, desta volta, a reacción foi rápida. En apenas cinco minutos Miguel igualou o encontro tras unha internada pola banda de Brais e, no 23, Víctor culminou unha  boa xogada colectiva co 1-2. Na segunda parte, con menos continuidade no xogo e máis disputas, o marcador non se moveu.


Presión moi eficaz do Lourenzá

VIVEIRO B 0 – LOURENZÁ 4

O Lourenzá mantén a súa condición de líder invicto e imbatido tras gañarlle ao Viveiro B no Cembedo. Os laurentinos aproveitaron as ocasións que xeneraron con roubos de balón, presionando moi arriba a un Viveiro moi estático, para decantar o partido. Aarón e Diego abriron o camiño con dous goles na primeira metade e, na segunda, o propio Aarón e Julián sentenciaron.


Vitoria local no tempo engadido

RIBADEO 4 – XOVE 3

O acerto de Diego Fernández non foi suficiente para un Xove que tivo o partido de cara con 1-3 no marcador ao inicio da segunda metade pero que, nos últimos vinte minutos, viu como o Ribadeo, con máis fondo de armario, remontaba o encontro.  Key marcou o definitivo 4-3 ao rematar no segundo pau un centro dende a banda cando encontro entrara xa en tempo engadido.


Marco e Buján volveron decidir

CASTRO 0 – MILAGROSA 2

A Milagrosa levou os tres puntos nun partido igualado que resolveron dúas xogadas colectivas finalizadas por Buján, no minuto 15, e Marco, no 25. O Castro tivo o 1-2  xusto antes do descanso nun tiro lonxano ao que respondeu Gorka cunha gran intervención. Na segunda metade, un man a man de Riveira foi a ocasión máis clara para os locais, que non conseguiron o gol que lles  permitira meterse de cheo no encontro.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.

*

Mobile Sliding Menu