Oda ao baloncesto tras un partido espectacular

En 1ª División, Alevín, Principal grande

ÓSCAR ENGROBA – Maristas

“Gran segunda parte para forzar la prórroga”

IAGO CASTRO – Estudiantes

“Ha sido un partido muy duro. Nuestros jugadores se han unido para sacarlo adelante. Seguimos trabajando”

MARISTAS 78 – ESTUDIANTES 83

Maristas e Estudiantes déronlle un final apoteósico á primeira volta da competición. Ningún equipo escatimou esforzos no partido máis agardado do que vai de Liga, un derbi inédito na categoría que respondeu ás expectativas.
O equipo de Óscar Engroba tivo que remar contracorrente -perdía de 21 puntos ao descanso- pero non desertou e acabou forzando a prórroga e mesmo tendo unha posesión para gañala.
Estudiantes comezou a despegarse no marcador no segundo periodo, 6-20, despois duns primeiros minutos nos que os dous equipos estiveron moi imprecisos, 10-13. Os celestes foron acumulando vantaxe grazas ao dominio no rebote en ataque, logrando canastras en segundas opcións, e en defensa, lanzando contraataques despois de capturar o balón nos tiros errados por Maristas.
No terceiro periodo o equipo local parou a sangría de puntos defendendo mellor, pero seguiu fallando canastras fáciles, polo que o parcial foi tamén favorable aos estudiantís, 6-10.
A mala primeira parte pasáballe factura a Maristas que, ao descanso, perdía por 21 puntos, unha diferenza suficiente para perder a confianza en calquera outra situación. Máis tendo en conta os precedentes, xa que as dúas vitorias de Maristas esta tempada foron en partidos nos que ao descanso tiñan unha ampla renda.
Nun derbi a rivalidade non deixa lugar á desmotivación. Malia ter por diante un escenario moi complicado, os de Óscar Engroba volveron ao partido confiados en devolverlle a emoción. A súa presión a toda pista comezou a provocar erros e perdas de balón de Estudiantes, e opcións de correr e anotar, a dinámica na que os colexiais están máis cómodos.
Ao final do cuarto periodo reduciron a distancia en 5 puntos. No quinto, recortaron outros 6 puntos, achegándose o suficiente para crer na posibilidade de lograr a milagre. A continuidade na presión a toda pista, con ataques rápidos, e a exhibición de Julián e Samuel nos tiros exteriores igualaron o partido antes do final.
O impás antes do engadido veulle mellor a un Estudiantes desconcertado pola intensidade de Maristas. Os celestes conxuráronse para sacar adiante o partido. Os visitantes defenderon mellor, propiciando que os de Óscar Engroba rematasen algunhas posesións sen tirar a canastra, e non fallaron os seus lanzamentos. Con esta vitoria, Estudiantes mantense no alto da táboa, con catro triunfos e unha derrota, igual que Montrove e Baloncesto Narón. Os coruñeses serán os vindeiros rivais de Maristas, que se consolida como equipo revelación no seu ano de debut en Liga Galega. Estudiantes recibirá a Basket Ferrol.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.


*

Mobile Sliding Menu