Estudiantes Lugo xa manda na Liga Galega cadete

En 1ª División, Cadete, Cadete Masculino

PABLO ABUÍN – Estudiantes

“O equipo recompúxose moi ben tras un inicio de partido dubitativo”

ESTUDIANTES 85 – BASKET FERROL 57

Estudiantes segue imparable.Tras asinar o ascenso a principios de tempada os de Pablo Abuín xa se sitúan no máis alto da clasificación da Liga Galega cadete con catro vitorias noutros tantos encontros disputados.
Ante Basket Ferrol os celestes entraron fríos ao encontro, con moitas dúbidas en ataque para romper a defensa en zona presionante no medio campo dos ferroláns, mentres que atrás, pese a estar correctos, Estudiantes non conseguía correr transición.
Todo isto viuse reflectido no marcador cun primeiro parcial de 12-21. Con todo, lonxe de perder o control, Estudiantes ofreceu o mellor baloncesto do que vai de tempada no segundo parcial, no que varreu a Basket Ferrol da pista cunha agresiva defensa, gañando os duelos individuais e atacando con moitísima orde e claridade a zona rival que quedou arrasada cun parcial de 25-6.
Con máis 10, 37-27, iniciouse a segunda parte na que se mantivo a boa dinámica en ataque, cun gran acerto exterior co que se chegou a diferenzas de máis 20.
Xa no tramo final do terceiro cuarto algún erro puntual aproveitárono os visitantes para maquillar un pouco a diferenza, pero sen chegar a inquietar demasiado a un Estudiantes que nos últimos dez minutos volveu impoñer o seu ritmo, tanto en defensa como en ataque, cunha gran achega de todas as rotacións coa que levaron o marcador ata o 85-57 final.
Na próxima xornada Estudiantes visita a un Peleteiro que vén de gañar o derbi a Rosalía por un axustado 74-78.

Deja una respuesta:

Tu correo electrónico no será publicado.


*

Mobile Sliding Menu